Finalizadas as obras de acondicionamento da escola de San Cosme de Piñeiro, na Pastoriza
A reforma incluíu a renovación dos ventanais e a instalacións dun falso teito para mellorar o illamento térmico do edificio e o acondicionamento do interior

Elva Carrera e Maite Ferreiro de visita no centro de A Pastoriza

Lugo
A escola de San Cosme de Piñeiro, na Pastoriza, loce como nova. Tras a finalización das obras de acondicionamento, a vicepresidenta, Maite Ferreiro e a tenente de alcalde pastoricense, Elva Carrera, achegáronse ata as instalacións para comprobar o resultado das intervencións realizadas co obxectivo de mellorar a confortabilidade dun espazo empregado habitualmente pola veciñanza da parroquia.
A reforma incluíu a renovación dos ventanais e a instalación dun falso teito "para mellorar o illamento térmico do edificio e o acondicionamento do interior, co pintado das paredes a dotación de mobiliario novo". Ademais, apuntan dende o BNG lucense, mellorouse a entrada para facilitar o acceso de toda a veciñanza.
Maite Ferreiro non desaproveitou a oportunidade de subliñar a “importancia de manter nas mellores condicións estes espazos que teñen un grande valor simbólico para a veciñanza porque acolleron escolas unitarias e que cumpren un papel fundamental ao acolleren as actividades e programas que se organizan desde os concellos cheguen a todas as parroquias”.
O acondicionamento deste lugar para reunións, obradoiros e actividades promovidas desde a área de Servizos Sociais do Concello, contou cun orzamento de 21.000 euros. Carrera, matizou que para o concello “é prioritario organizar este tipo de actividades para que a persoas de mediana idade poidan manterse física e psiquicamente activas. Que poidan socializar, e, sobre todo despois de todo o illamento obrigado pola pandemia da Covid-19".
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo




