Aprobada por unanimidade a cesión dos terreos do polígono ao Concello de Antas
O Goberno provincial vincula a cesión das parcelas á implantación dun polígono industrial ou agroforestal no prazo de 5 anos
Lugo
O Pleno da Deputación de Lugo ven de aprobar, por unanimidade, a cesión gratuíta ao Concello de Antas de Ulla os terreos destinados a un polígono industrial. En total, a Deputación cede 16 parcelas superficie de 45.226 metros cadrados, pero con condicións.
A Deputación vincula esta cesión á implantación dun polígono industrial ou agroforestal no concello solicitante nun prazo máximo de 5 anos e debendo manterse o seu destino durante os 30 anos seguintes. Ademais, os bens cedidos reverterán, no seu caso, ao patrimonio da Deputación.
Un conflito que ven de atrás
Esta infraestrutura non se puido desenvolver con anterioridade porque a entidade local "non fixo a recualificación necesaria das parcelas de solo rústico a solo industrial, un paso que é imprescindible para poder sacar adiante o parque empresarial", segundo apuntan dende a Deputación lucense.
Segundo o informe técnico da Secretaría Xeral da Deputación, que basea a proposta de cesión dos terreos ao Concello de Antas, recolle que , on data de 12 de febreiro de 2007, se asinou un convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo, SUPLUSA e o Concello de Antas para a construción dun polígono nos terreos. Este acordo establecía a obriga da Sociedade Urbanística Provincial de elaborar a documentación técnica necesaria para que a entidade local tramitase o procedemento de aprobación do Plan Especial, preciso para a clasificación do solo como urbanizable industrial, sendo obriga do Concello de Antas tramitar este planeamento.
A Deputación de Lugo puntualiza que SUPLUSA cumpriu coa súa parte do convenio e redactou a documentación técnica necesaria para que o Concello puidese tramitar o instrumento de planeamento preciso para desenvolver o polígono industrial. Porén o Concello de Antas de Ulla incumpriu o convenio porque, din "fixo mal a tramitación e non aprobou a día de hoxe o devandito plan urbanístico".
Incumprimentos do Concello
Desta forma, despois da aprobación inicial do plan polo Pleno en xullo de 2008 e de que o expediente finalizado se lle enviase no 2010 ao Concello para a súa aprobación provisional, en SUPLUSA non consta que procedese á mesma nin que dese ningún paso máis.
O Concello tampouco contestou a un escrito que lle mandou a empresa solicitándolle información sobre a xustificación de necesidade de solo industrial que pedía a Xunta de Galicia, a través da dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, dada a existencia do polígono industrial de Monterroso, a menos de dous quilómetros.
Pola súa banda, a entidade local solicitou esta entrega indicando que pretende pedir fondos europeos para materializar o parque industrial, algo que en todo caso non será posible mentres o Concello siga sen aprobar o plan urbanístico municipal para recualificar os terreos.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo




