Directo Sigue en directo 'Hoy por Hoy' con Àngels Barceló desde Santiago de Compostela

Sociedad

Consenso na Comisión de Deputacións da FEMP para destinar fondos europeos á mellora das estradas

As Deputacións reivindicaron unha maior capacidade na xestión de recursos económicos para a recuperación da pandemia

Lugo

As Deputacións queren unha maior autonomía. A esta conclusión se chegou na Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrada en León. Acordouse enviar unha carta ás Comunidades Autónomas e ao Ministerio de Transportes solicitando que as deputacións reciban un 15% dos recursos da UE que xestiona o Estado, e outro tanto dos transferidos ás autonomías "para destinalos ás redes viarias provinciais".

Durante a reunión, na que participaron máis de trinta presidentes e presidentas, entre eles José Tomé Roca por parte do goberno lucense, "deuse a coñecer o informe elaborado pola FEMP sobre a rede de infraestruturas de mobilidade que xestionan e manteñen as entidades provinciais españolas, que suman máis de 68.000 quilómetros e teñen un custe superior aos 8.600M€".

Segundo avanzan dende a Deputación lucense: "Esta información foi recompilada de cara a visibilizar o esforzo que fan as deputacións para atender as estradas, tanto de orde orzamentario, como en canto a persoal, despois da proposta que fixo o Presidente na última Comisión de Deputacións da FEMP, celebrada o pasado mes de setembro en Almería, de destinar recursos á mellora da mobilidade no rural".

Para José Tomé, esta cuestión é "básica se queremos que a xente non se vaia do rural, debe ter bos accesos, igual que se queremos que veña facer turismo. Non se trata de facer nin un quilómetro de estrada nova, senón de manter e mellorar as vías que temos para que a xente teña calidade de vida. Pódese chegar a dar o caso de que nunha aldea haxa banda ancha, e, sen embargo, dificultades para acceder ás vivendas”.

O Presidente do goberno provincial subliñou que Deputación de Lugo é a institución provincial de España coa maior rede de estradas, con 4.217 quilómetros, á que o Goberno lle destina máis de 17M€ neste 2022, o que supón practicamente o 20% do orzamento total co que conta a entidade.

Revisión do financiamento local

Neste encontro, o socialista tamén plantexou a necesidade de que, xunto á revisión do financiamento autonómico, se aborde tamén o cambio do financiamento local, “que non se revisou nin unha soa vez, tendo en conta que os concellos e as deputacións son as administracións máis próximas á xente e que as comunidades autónomas son unha sorte de novo centralismo, porque non irradian os fondos cara as entidades locais, faise necesario que teñamos un modelo de financiamento con máis recursos para atender as novas necesidades da cidadanía”, explicou o Presidente.

Sara Meijide

Redactora de Radio Lugo