O Concello de Lugo propón instalar caixeiros automáticos nos centros sociais municipais
O executivo de Lara Méndez considera que esta podería ser unha boa solución para reducir a fenda dixital nos maiores


Lugo
O Concello de Lugo quere reducir a fenda dixital dos nosos maiores, para iso proporá a instalación de caixeiros automáticos nos centros sociais do municipio lucense. O goberno local buscará colaboración coas entidades financeiras para conveniar esta instalación, cedéndolles o espazo para instalalos.
Segundo anunciaba a rexedora socialista, Lara Méndez, esta iniciativa obedece "á vontade do Executivo local de incrementar as dotacións a disposición da veciñanza e, neste caso especialmente, do colectivo da terceira idade para favorecer que poidan realizar operacións de tipo bancario en dependencias nas que ademais contarán, se así o precisan, coa axuda do persoal municipal para levalas a cabo".
Méndez presentou a medida ao tecido asociativo dos pensionistas que a cualificaron de excelente, “en tanto mellorará a súa sensación de seguridade cando utilicen estes dispositivos por atoparse en inmobles vixiados de maneira que poderán acceder a eles con totais garantías”.
Lara Méndez explicou que “durante o encontro, amosámoslles tamén a nosa total disposición para atender as súas reivindicacións e contribuír de xeito proactivo á súa loita, posibilitando accións como esta e sendo receptivos ás súas demandas que igualmente lles faremos chegar ao resto de administracións con competencias na materia".
Para complementar esta acción, dende a área de Benestar impartiranse nos cursos de dixitalización para maiores a formación específica no manexo das tecnoloxías en todo o que ten que ver coas entidades bancarias. “A finalidade é achegarlles ferramentas que lles permitan familiarizarse con este tipo de procedementos, facendo especial fincapé en todo o que ten que ver coa banca electrónica en prol de que poidan manexarse con autonomía e acceder, cada vez con menos dificultades, a servizos básicos e imprescindibles que noutros segmentos de poboación a cidadanía xa emprega con cotiandade”, sinalou Lara Méndez.
A alcaldesa lucense incidiu na importancia de seguir traballando para diminuír a fenda dixital interxeracional existente, “en tanto alimenta a desigualdade de oportunidades, impide un envellecemento activo e saudable e mesmo propicia o illamento do colectivo. Dun xeito significativo, alén, despois de sufrir unha pandemia que nos obrigou ao confinamento e durante a cal quedou manifesta a valía, a polivalencia pero tamén a nosa dependencia das novas tecnoloxías tanto a nivel laboral, como médico e mesmo persoal para manternos en contacto coas nosas familias e amizades", apuntou.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo




