Sociedad

O Concello de Lugo abre o prazo de inscrición para o curso TELCO

A formación teórico-práctica para mozos de entre 18 e 35 anos será totalmente gratuíta e terá unha duración de 18 horas

Cartel de formación TELCO Concello de Lugo

Lugo

Xa está aberto o prazo de inscrición do curso con homologación TELCO para traballar en altura, espazos confinados ou con risco eléctrico que organiza o Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo. O curso, que será de balde, desenvolverase entre o 4 e o 8 de abril e contará con tres módulos a traballar en 18 horas de formación teorico-práctica. Os solicitantes deberán tres entre 18 e 35 anos, atoparse en situación de desemprego e estar empadroados/as no Concello de Lugo.

A actividade inclúese dentro da oferta formativa deseñada pola área de Xuventude ao abeiro do programa +Xti, que subvenciona o Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional de Drogas e conta cun total de 15 prazas. Búscase unha atención individualizada polo que, coa fina de garantila, estes 15 alumnos traballarán en tres subgrupos de 5 participantes.

O concelleiro á fronte da área de Xuventude, Mauricio Repetto, asegura que con esta iniciativa pretenden "achegar á mocidade lucense unha opción formativa que goza dos novos estándares no que ten que ver coa seguridade das e dos traballadores dentro do sector das telecomunicacións. Un ámbito con demanda actual de persoal cualificado e no que moitos rapaces e rapazas poden atopar unha profesión estable”.

A iniciativa forma parte da estratexia trazada dende o Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, "para habilitar toda unha programación de tipo preventivo, nos ámbitos familiar e educativo, pero tamén de ocio alternativo e, por suposto, cun compoñente didáctico". Unha perspectiva moi ampla na que se tivo en conta a dimensión social, laboral, médica e psicolóxica da mocidade lucense en función do contexto actual.

"Non só estamos a xerar opcións de entretemento que substitúan outras conductas nocivas e contraproducentes entre a rapazada, senón que estamos a artellar toda unha liña de actividades que poidan chegar a transformarse nunha saída laboral”, subliñou Mauricio Repetto.

As persoas interesadas en realizar este curso TELCO poderán anotarse na páxina www.lugomasxti.org ata o 25 de marzo. A selección farase por "rigorosa orde de inscrición": Para obter maior información poden consultar ou poñerse en contacto co Servizo de Prevención de Drogodependencias, na 3ª planta do Centro Social Uxío Novoneyra ou chamando ao teléfono 982 297 837.

Sara Meijide

Redactora de Radio Lugo