Quico Cadaval: "Estamos nun momento no que todo é farsa"
O director do "Porco de Pé" pasou polos micrófonos de La Ventana para falar da montaxe de Producións Excéntricas, estreada en Ourense
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Quico Cadaval fala sobre a posta en escena de O porco de pé
O Teatro Principal encheuse para recibir a estrea mundial de O Porco de Pé. A adaptación que a compañía Producións Excéntricas fixo da novela de Vicente Risco, a petición da Fundación que leva o nome do escritor, continúa agora xira por toda Galicia. Quico Cadaval pasou polos micrófonos de La Ventana de Ourense para falar deste proxecto. O ribeirán considera "que o teatro influíu moito na política. Atribúese aos políticos as cualidades boas para representar un papel e estamos nun momento en que todo é farsa, que non é só disfrazar, tamén contén violencia e na vida pública hai moita violencia".
Risco escribiu O porco de pé en 1928, unha sátira que ten por protagonista a Don Celidonio, que "ascendeu de porco a marrán e chegou a ser alcalde". Un papel que na produción de Excéntricas é interpretado por Víctor Mosqueira. No elenco tamén Patricia Vázquez e Evaristo Calvo, que interpretan diferentes papeis. A música é de Piti Sanz. Carlos Alonso na plástica, na iluminación Octavio Mas. Cadaval reafírmase no obxectivo de Excéntricas: "dedicarse á máis nobre función do teatro que é entreter".
A Fundación Risco propuxo a realización da novela de Risco a nivel teatral. A súa presidenta Celia Pereira recoñece que "levábamos tempo tratando de que alguén se enganchara con ese proxecto". Un proxecto que tivo a súa primeira representación perante escolares de Ourense.