Voltan as filloas a Muimenta
O día 1 de maio terá lugar a XXXI edición da celebración, considerada Festa de Interese Turístico de Galicia

Festa da filloa de Muimenta

Muimenta
En menos dun mes as filloas voltarán a Muimenta na clásica Festa da Filloa que, este ano, acada a súa XXXI edición. A cita, considerada Festa de Interese Turístico de Galicia celébrase dende o ano 1992 e, en palabras do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, este día é "toda unha xornada de convivencia entre a veciñanza e persoas que se achegan ata esta parroquia de Cospeito para renderse a este produto típico galego que elaboran filloeiros e filloeiras de todas as xeracións".
O goberno provincial ven de aportar unha contía de 3.000 € para a celebración desta cita tras asinar un convenio de colaboración coa presidenta da Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, Dolores Darriba Lamela.
Tomé Roca destacou que esta cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia volverá o día 1 de maio para poñer en valor este manxar, "pero tamén haberá expositores de artesanía e actividades durante toda a xornada no recinto feiral Manuel Vila".
Tras dous anos de impás por mor da pandemia, as filloas volven as rúas de Muimenta. A xornada, como de costume, arranca ben cedo, coa preparación deste doce tan típico. Centenares de veciños e visitantes saborean as filloas amenizados con actuacións musicais folclóricas.
Ademais de filloas tamén se poderán degustar outros pratos coma churrasco, sempre acompañado de todo tipo de bebidas, café e queimada. Haberá stands de artesania, concursos de gando e tamén diferentes exposicións temáticas.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo




