Últimas noticias Hemeroteca

Miércoles, 16 de Octubre de 2019

Otras localidades

Unanimidade arredor de Rosalía

O PPdeG secunda a declaración da Mesa pola Normalización que pide "unha nova etapa de normalidade para o galego"

O deputado popular Agustín Baamonde intervén baixo a mirada do presidente da Mesa, Marcos Maceira. /

En febreiro de 2009, a plana maior do PPdeG agás Feijóo, de precampaña en Arxentinasumábase á manifestación convocada por Galicia Bilingüe baixo o lema "Libertad para elegir" coa que se denunciaba unha suposta imposición do galego, paralela ás críticas á inmersión lingüística impulsada polo tripartito catalán de Montilla e Carod-Rovira. Ana Pastor e Alfonso Rueda encabezaron a protesta xunto a Gloria Lago, Rosa Díez e un semidescoñecido Albert Rivera. Aquela marcha inaugurou o desencontro entre os populares e os defensores da lingua, unha separación que se fixo maior tralo coñecido como Decreto do Bilingüismo ou as enquisas aos pais para decidiren a escolarización dos seus fillos.

Hoxe, seis anos e medio despois, cando se conmemora o 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, o PP volveu ao consenso ao sumarse, xunto a outras sete forzas políticas, á "Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega" promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, a organización máis belixerante coas políticas lingüísticas da Xunta de Feijóo.

"É preciso abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, coa implicación de todos os sectores, afirmando conxuntamente a nosa intencióin de aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguir para el verdadeira igualdade e oficialidade real". O manifesto pide que se tome como "punto de partida" os acordos "comúns e amplos" establecidos na Lei de Normalización Lingüística ou no Plan Xeral de Normalización de 2004; acordos que A Mesa considerou rotos polo executivo popular.

"Os acordos deben ser cumpridos, se houbo vontade para tomalos, debe habela para cumprilos e para esixirmos respeto por todos os compromisos adquiridos e a palabra dada". Así falaba o presidente da entidade, Marcos Maceira, ante a estatua de Rosalía na Alameda compostelana. O representante do PP, o deputado Agustín Baamonde, recollía o reto citando á autora de Cantares Gallegos. "Se somos capaces de facer que o galego alumee en todas as casiñas, en todos os lares, en todos os fogares de Galicia, non hai onciña de ouro que o pague".

"É a nosa responsabilidade", engadía Baamonde, antes de lembrar a Álvaro Cunqueiro, hoxe en entredito polo goberno de Ahora Madrid polo seu pasado franquista. Como o creador de Merlín e familia, asegurou que "hai a patria da terra e a patria da lingua; o que nós desexamos e que, na Patria das Linguas, ninguén sexa estranxeiro en Galicia".

Ao acto asistiron a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; o secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Riobóo ou o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña, de CxG, xunto a representantes de ANova, EU, Cerna, Alternativa dos Veciños o Coalición Galega. O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, valorou o acto de hoxe coma "un xesto simbólico" pero considerou que, tras el, "hai algo na sociedade que nos fai camiñar cara un horizonte de unidade".

Cargando
Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?