Sociedad

"Vendemos cerca de 200.000 exemplares do primeiro manual de galego"

Homenaxe aos catedráticos Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, dous dos fundadores do Instituto da Lingua Galega

De esquerda a dereita: González Seoane, Alonso Montero, Rosario Álvarez, Ramón Lorenzo, o reitor Juan Viaño, Antón Santamarina, Ramón Villares e Ivo Castro.

Santiago de Compostela

O III Congreso Internacional de Lingüística Histórica interrompeu as súas sesións científicas para render homenaxe a dous catedráticos que son "historia viva" do Instituto da Lingua Galega (ILG), do que tamén foron fundadores. Ante o público que asistiu ao Paraninfo da Universidade, as figuras de Ramón Lorenzo (Ames, 1935) e Antón Santamarina (A Fonsagrada, 1942) foron glosadas polo profesor Ivo Castro, da Universidade de Lisboa e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, a quen lles correspondeu realizar a laudatio de cada un dos protagonistas.

 "Os que temos o privilexio de coñecelos sabemos que teñen personalidades e temperamentos ben diferentes; nalgúns aspectos case me atrevería a dicir que diametralmente opostos, pero hai dous elementos que os unen por riba de todas as diferenzas: o rigor e a paixón", resumía o actual director do ILG, o profesor Ernesto González Seoane.

Horas antes dun recoñecemento que insistía en considerar "inmerecido" —para el, non para o seu compañeiro, "unha autoridade mundial"—, Antón Santamarina estivo en Hoy por Hoy Santiago. Alí, repasou a súa traxectoria, dende a fundación do ILG e a publicación do primeiro texto didáctico para o ensino do idioma, o Galego 1 (ao que seguiron dous máis). Santamarina lembraba o interese que espertou, aínda en pleno franquismo, aquel "pequeno manual" do que chegaron a venderse "cerca de 200.000 exemplares".

O catedrático expresou a súa preocupación pola "perda da transmisión do galego de pais a fillos" algo que "pode ser perigoso para o futuro cando se pase determinada masa crítica". O xeito de inverter este proceso pasa por "incentivar a estima dos galegos polo seu idioma" pero, tamén, por "unha política lingüística que faga unha discriminación positiva do idioma do país". A actual, di, responde máis á estratexia do "deixarse ir" e nela "non se ven actos potentes en sentido positivo". Horas despois, no seu discurso durante a homenaxe, aseguraría que “os políticos non souberon escoitar os filólogos e os filólogos fixeron pouca política". Entre os presentes imaxinamos que escoitando estaba o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Entrevista Antón Santamarina

10:27

Compartir

El código iframe se ha copiado en el portapapeles

<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/008RD010000000155071/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>

 

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00