Sociedad
O momento coruñento

Daniel Carballo, ilustre descoñecido

A Coruña

Nesta data onde a sorte foi a gran protagonista e con rexoubes políticos a eito, quero axuntar ambos os dous argumentos e falarlles diso, dun político con mala sorte. Mesmo dar un paso cara adiante, porque aínda que estamos no Nadal, –son da rúa da Torre- eu xa penso no Antroido:

La estatua Curros Enríquez

Le dijo a la de Carballo

Bájese del pedestal

Si quiere tormarse un baño.

Por fin apareceu, nesta cántiga de Canzobre. Daniel Carballo, un político con mala sorte. Pois, con estatua e todo, velaí se mantén na intemperie, no centro mesmo da cidade, diante dos nosos ollos sumido no máis absoluto dos esquecementos.

Falo desa efixie peraltada no estremo dos xardíns de Méndez Núñez, a que dialoga en silencio co magno monumento que o escultor Asorey creou en honra de Curros Enríquez.

Si, estou certo que lle ten pasado como a min. Durante moito tempo crin que esa estatua, a carón do edificio da Terraza, pertencía ao heroe da batalla de Callao, o da honra sen barcos, ou sexa o propio Méndez Núñez.

E non, cando pase por diante, fíxese ben na lenda do pedestal:

Daniel Carballo.

Aquel que naceu na Coruña en 1824, no número 1 do Cantón Grande. Foi deputado en Cortes, impulsor do ferrocarril, do porto, do proxecto de Palacio Municipal, do derrubo das murallas, dos cuarteis da Atocha, do Hospital Militar… En fin, Daniel Carballo Cousido, hoxe, un ilustre descoñecido.

Afortudamente Manuel Canzobre, mestre do carnaval, reivindicou con música a súa memoria. Tamén a súa dignidade, diante do ataque constante do guano. Isto é, como se lle di en plan fino, a caca de gaivota.

La estatua curros Enríquez

Le dijo a la de Caraballo

Bájese del pedestal

Si quiere tormarse un baño.

Como quiere que me baje

Si no tengo bañador

Aunque estoy lleno de jiña

Aun me queda pundonor.

Daniel Carballo nos xardíns de Méndez Núñez. Pois tan importante é para gloria futura dunha persoa os feitos que teña desenvolto na vida, como o poeta que llos loe.

Afortunado Aquiles, que tivo a Homero, para cantar as súas fazañas en Troia. Tamén Eneas, cantado por Virxilio. Afortunado Daniel Carballo, que tivo a Canzobre, para que nunca na Coruña se esqueza o seu nome, polo menos, no tempo do Carnaval.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00