Sociedad
Momento Coruñento

Aperta coruñenta

A Coruña

Moreniña por te ver / pasei o mar da Marola / a piques de me perder

Velaí a apoteose do cancioneiro tradicional coruñés. Tríade céltica –como diría don Manuel Murguía- na forma. E unha mensaxe definitiva no fondo: Cómpre arriscalo todo para procurar a beleza.

Permítanme que principie o ano, como acostumo, dun xeito épico e sentimental: Cunha apoloxía do espazo que nos habita: A Coruña, luz e vento, unha pedra chantada no Atlántico. E a Torre, ese xigante, entre as Mariñas e a Costa da Morte, facho acendido para abrir camiños no Océano. Ou o que é o mesmo, para abrir camiños en todos os misterios. Cando subimos ao alto do Faro, os terricolas enchemos o ollo cunha vista marabillosa. A xente do mar está vendo máis. As pedras onde traballa o percebeiro: a Rabadeira, a enseada do Xogadoiro, o Gueivouteiro, o Xenrei, ou unha intensa familia lítica: a illas do Boi , da Vaca do Becerro e do Becerriño. E debaixo da tona da auga, latexa fartura a eito nos bancos pesqueiros, velaí están as Acentes, o Carpancho, os Abarracidos, as Tousas de Leste, ás Tousas de Vendaval....e alén do cabo Prior, as pedras dos Cabalos, e os camiños que levan ao Gran Sol, o mar de Irlanda.

A Torre ilumina unha parte fundamental da nosa historia. Xusto no outro lado do Atlántico Nova York, cara o Norte Irlanda, coas lendas do rei Breogán. Por este camiño de auga chegaron os viquingos, eses que denominaron á Coruña, Far, a illa do Faro nas súas Sagas. E a Torre foi testemuña do grande guerra do Mar entre España e Inglaterra, con capítulos tan famosos como o retorno da Armada Invencible, e a visita do Corsario Drake.

Ruído, fume, cemento...a pátina urbana tolda ás veces a nosa percepción, e non nos permite sentir as magnitudes cósmicas –pedra, mar, vento- entre as que armamos a nosa vida.

A Coruña, "Nao Enfeitizada" –dixo Devesa Monterroso- e nós dentro, aquí, en concreto, onde xermola a cada instante a marabilla. Milagre cotián que estou pa nos beizos cada vez que pronunciamos a palabra máxica: Orzán ! Os catro golpes de luz do faro identifican á Coruña entre todos os navegantes. Mais baixo ese ritmo constante de luz medramos tamén moitas xeracións de coruñesas e coruñeses, en Monte Alto, nos Mallos, nos Castros, en Labañou. Barrios cargados de historias marabillosa – normalmente invisibles para os prospectos turísticos- e que -con modestia e vehemencia- pretendo seguir compartindo con todos votedes.

Felices singraduras para a cidade-barco, neste 2016. Velaí vai, chea de forza, a miña aperta coruñenta !

Ai! Moreniña por te ver...

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00