Sociedad
O blog de Henrique Rabuñal

Barcelona, Madrid, Galiza

A Coruña

En Barcelona vén de ser investido polo Parlament o 130º President de Cataluña. Cando moitos vían como inevitábel unhas novas eleccións. Barcelona concentrou todas as olladas nun acto político que dalgunha maneira impugna os consensos da constitución do 78. Unha maioría parlamentaria fixo President a Carles Puigdemont, sen ningún drama, ofrecendo coma sempre se fai naquel país un espectáculo de alta civilización europea. Unha nación no seu parlamento escollendo President a un dos seus deputados, da formación que gañou as eleccións, como lle gusta a Rajoy. Haberá algo máis ritualmente democrático? Deixo para analistas especialistas o comentario sobre o polémico pacto entre as Cup e JPS e a decisión tomada por Artur Mas, o non recoñecemento no BOE dos seus "servizos prestados" e o desplante real (insólito tamén) á presidenta do Parlament.

Desde Madrid nin esperaron ao fin do pleno de investidura para dicir o que xa sabemos, esta vez por boca dun presidente en funcións máis apagado ca nunca salvo nas páxinas da corrupción e por un representante do PSOE que fotocopiaba as declaracións sen preguntas na Moncloa. Visto o visto non se albisca en Madrid ningunha fase novidosa pero todos sabemos que coma sempre será o diálogo e o respecto así como a non negación da teimuda realidade o que nos vai sacar deste momento decisivo. Nin as ameazas nin outras actuacións desproporcionadas que o que farían é aumentar definitivamente o peso do soberanismo e consolidar a desconexión.

Será este Madrid paralizado, orfo de ideas e propostas, capaz de conter a democracia practicada no Parlament? Para colmo de males o xefe do estado asiste a estes acontecementos cunha irmá e un cuñado sentados no banco dos acusados e cunha sombra moi negra de que a corrupción puido tamén pasearse polos corredores da Zarzuela.

Mentres, en Madrid visualizamos un Congreso máis plural ca nunca pero na maneira de repartirse os asentos na súa mesa impera a vella política e procúrase unha preocupante maioría C'S+PP. O PSOE non da unha a dereitas (ou si) e por moito que coloque a Patxi López na presidencia da cámara parece disposto a consentir que En Marea non teña grupo propio, desprezando a intención do voto de 400.000 galegos e galegas. No momento de escribir estas liñas un goberno de concentración PP+ PSOE sen Rajoy parece cotizar moi alto nos faladoiros capitalinos. Serán tan a mesma cousa como ás veces se lles di?

E Galiza. Que hai do noso? Do declive demográfico, industrial, gandeiro. Lingüístico, cultural. Cando nos deixarán afirmar dunha vez alto e claro: "AQUÍ ESTAMOS"? Porque non debemos querer menos ferramentas ca ninguén para exercer o noso autogoberno e a forma de soberanía que expresemos e desexemos. Que En Marea non teña por fin grupo parlamentario nas Cortes é unha mala noticia para o país e para o sistema democrático. Temos en mente os antecedentes de CC, UPyD, IU, ERC, PNV. Consumaríase outra frustración e outro desprezo ao país que hai detrás dos seus 400.000 votantes. E pensamos que esa frustración vai ter serias consecuencias no curto prazo na política española pero tamén, e cos ollos postos nas eleccións galegas deste ano, na política galega.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00