Pucho Boedo, XXX anos de lenda
A Coruña
Xusto dentro dunha semana, o vindeiro martes, cumprirase a efeméride. O 26 de xaneiro de 1986 finaba na Coruña o noso crooner: Pucho Boedo. Os grandes artistas nunca morren. Estamos a celebrar pois XXX anos dunha lenda.
A Pucho pásalle como a Carlos Gardel: cada día canta mellor.
Un mito verdadeiro, porque os seus mentores non foron os grandes medios de comunicación. Fomos nós, as súas veciñas e veciños que lle redemos gratitude eterna por tanta emoción con que nos ten agasallado.
Un orgullo. Abenzoada cidade esta que sabe honrar os seus artistas. Pucho Boedo, nado n’A Silva, 1929, no lugar da Ramalleira. Moitas películas de Carlos Gardel, sesión dobre no cine París. Debut na Silva (diante da taberna de Xulia). E iniciación tropical –ano 54- cos Satélites en Venezuela. Triunfo cos Trovadores, así chamados, polas “trobas” que lucía Pucho ( pioneiro, antes dos Beatles, no pelo longo). E cos Tamara, a descuberta da chanson fracesa, a compartir durante un mes escenario con Jacques Brel no Olympia de París. Pucho, dandi, bohemio, conquistador…O sorriso do crooner agachaba unha grande dor. O seu pai e o seu irmán, lideres sindicalistas daquela Coruña libertaria, foron asasinados tras do golpe militar contra a República. Pucho tiña sete anos.
Unha dor da que non lle estaba permitido falar, mais que podía expresar cando subía ao escenario. Por iso cando o seu amigo Prudencio Romo lle entregou os versos de Curros, Rosalía e Celso Emilio Ferreiro, naceu algo tan fondo que nos vai emocionar sempre. Cun tema, o Vello e o Sapo, o seu preferido, no que co “puño pechado” facía agromar de vez ese desacougo que habitaba nas súas entrañas.
Pucho, aquel rapaciño da Silva. Dicían que de pequecho cantaban tan ben que as mulleres no río paraban de lavar. Cando lle cambie a voz, acabouse Pucho, anunciaban os expertos. Cambioulle a voz e converteuse nun mito
Marchou no ano 86. O vindeiro luns –véspera da efeméride- no Centro Galego das Artes da Imaxe, rúa Durán Loriga, ás oito da tarde, proxectarase na súa honra o documental “Un crooner na fin do mundo”. De seguido, na praza de Sellier, no bar Buserana –antigo Rial, onde o mestre algunha cunca ten tomado- as puchistas e os puchistas seguiremos a honrar estes XXX anos de lenda.
Señor da canción coruñesa, que o talento dos novos artistas sexa digno da ledicia do teu nome: Pucho Boedo !