Cara as eleccións galegas de 2016
A Coruña
Os resultados das xerais do 20D, aínda sen resolver a conformación dun novo goberno en Madrid, concentran todas as olladas no horizonte dunhas eleccións galegas a celebrar este ano e para as que se preparan as maquinarias partidarias. O dilema será outra vez: pódese derrotar ao PP en número de deputadas para constituír un goberno que camiñe noutra dirección máis acorde cos intereses da xente e da nación no seu conxunto? Que responsabilidade e peso terán os diferentes partidos e coalicións electorais en propiciar ese novo goberno? Que problemas prioritarios tería que resolver ese novo goberno?
Os retrocesos electorais vividos nestas xerais do 20D polo PP, o PSOE e o BNG xunto co éxito acadado por En Marea determinan as prospeccións que se están a facer. É falso que nada se movese e o primeiro gran erro dos que perderon apoio popular pode ser non recoñecer a magnitude do retroceso e no seu caso non tomar medidas –se están a tempo de o facer- para reverter a regresión. Dos actores en xogo non nos atrevemos a facer prognósticos sobre Ciudadanos. A súa actuación e en xeral a do resto de formacións políticas vai depender moito do goberno e da dialéctica política que se viva en Madrid. A ninguén se lle escapa que, por exemplo, un enfrontamento grave de Podemos e o PSOE podería no seu momento condicionar un eventual pacto entre En Marea -con este ou outro nome- e o PSdG.
O PP aínda cos pésimos resultados das xerais e das municipais e sendo o partido que acata e executa as políticas máis ofensivas para o que chamamos o ben común é unha maquinaria política moi potente, que loita voto a voto e fará o imposíbel para que a previsíbel perda de apoios na Galiza –non só na máis urbana- non lle faga perder a maioría no Hórreo e no seu caso o goberno da Xunta. Sen o control das cidades e as deputacións, agás Ourense, sen o goberno de Madrid se se produce, o PP de Galicia viviría fóra da Xunta os seus peores momentos políticos en moito tempo. Feijóo parece disposto a gañar tempo estirando a lexislatura e sexa el ou non o candidato xa está convencido de que as últimas decisións que adoptou, candidatos nas municipais e cambios cosméticos na Xunta, non convencen ao electorado. E sabe que agora si ten un rival moi a ter en conta.
Os socialistas galegos teñen un secretario xeral enredado nun presunto caso de corrupción que se dirime nos tribunais pero tamén experimentaron un retroceso electoral moi acusado nas últimas eleccións que o podería facer caer por debaixo dos 15 deputados e ocupar o segundo posto na oposición. Ademais é un partido que recibe consignas de Madrid e terá as mans tamén moi atadas e condicionadas.
O BNG foi nestas décadas un actor fundamental da política galega levando ao nacionalismo a ter presenza en todas as escalas políticas, a ter unha relevante penetración social, a participar nun goberno na Xunta, a dirixir en solitario ou con outras as cidades galegas e as deputacións. Posúe unha militancia que en todo o país sorprende pola súa entrega e perseveranza. Despois das amputacións que seguiron á asemblea de Amio e logo de ser imposíbel a súa entrada en En Marea os resultados das xerais do 20D sumados aos das municipais e ás propias autonómicas de 2012 colocan ao BNG nunha situación difícil de resolver. Haberá que estar atentos aos seus movementos próximos. Dentro de si ouvimos voces que representan dúas almas. A de quen considera que no esencial nada hai que mudar e a de quen de maneira máis crítica parece partidario de participar no espazo de confluencia creado para agrandalo ao máximo. Se En Marea agrandase ao máximo o seu espazo e sumase a enerxía do BNG non descartaríamos que puidese ser a primeira forza política do país. Pero sen dúbida a segunda.
Pola parte de En Marea, se a fórmula continúa, tamén sería irresponsábel morrer de éxito, estar a velas vir e non culminar, perfeccionándoo e agrandándoo, un espazo de confluencia que podería chegar aos 500.000 votantes –serían 100.000 máis ca nas do 20D- e daquela si competir e mesmo derrotar ao PP que vén de perder un cuarto de millón de seguidores. Coa colaboración do PSdeG e do BNG se finalmente este non participa de En Marea, podería ser o núcleo dunha nova maneira de gobernar. Aprendendo de todas as experiencias previas e presentes, achegando toda a súa innovación metodolóxica, formulando un programa claro e executábel sabendo que as batallas que se aveciñan serán durísimas no presente escenario político e na actual situación económica. Sería bo -pensamos nós- que agromase unha candidata ou candidato a presidir a Xunta e que se visibilizasen persoas competentes e contrastadas –que as hai- para ocupar todas e cada unha das áreas de goberno. Polo que sabemos nos gobernos municipais e na súa contorna estarían algunhas destas persoas. Precisaría En Marea ofrecer un novo estatuto e de camiño unha proposta para encaixar Galiza nunha futura constitución que o PP e os seus aliados intentarán retrasar e obstaculizar. Este espazo de confluencia está dando xa os primeiros pasos na Estrada e no Caramiñal ao parecer decidido a corrixir algúns erros cometidos no pasado. O camiño que hai por diante non é nada simple e o peor que podería pasarlles é que abandonasen o proxecto fragmentos do conxunto.
Non o dicimos por dicir. Como sempre hai moitas incógnitas difíciles de resolver. Cada quen debe mover a súa ficha. A nosa previsión é que volve ser factíbel en Galiza que á marxe do PP –ou no seu caso de PP+Ciudadanos- haxa 38 deputadas dispostas a que Galiza teña unha nova oportunidade de modernizarse, de rexenerarse e de aplicar políticas diferentes, na forma e no fondo, ás que executa o PP desde que existe a autonomía coas excepcións dos gobernos de Laxe e Touriño. Os próximos meses serán decisivos. Os erros e acertos serán máis valiosos ca nunca. Comentarémolos aquí.




