Música
Momento Coruñento

Puchística crónica

A Coruña

A data moi boa non era, un luns. A convocatoria non tiña o aval de ningunha institución, mais onte a sala do CGAI quedou pequena para acoller a todas as persoas que quixeron asistir á proxección do documental “Un crooner na fin do mundo”. Xusto hoxe cúmprense XXX anos do seu pasamento. Definitivamente Pucho Boedo é unha lenda.

Luis Llera falou algunha vez da súa voz de coiro. Fermosa sinestesia. É rexa, curtida. Mais tamén, como o coiro, cálida e delicadísima ao tacto.

Analicemos a conxunción astral, os catro elementos que sosteñen o mito. Talento innato. Intensa formación musical, sen pisar unha academia. Un repertorio propio que creou á súa medida Prudencio Romo. E un público: a diáspora dos galegos.

Primeira escola, cine París. Alí papaba, en sesión dobre, as películas de Carlos Gardel. Querenza tanguera que expresou en plenitude no mítico Chessman.

Segundo chanzo: o Caribe. A viaxe cos Satélites a Venezuela do ano 54. Volveron con todo esplendor do trópico, moito antes –cosmopolitas nós- que inventasen en Nova York a palabra salsa. Mais Pucho quedou aló, triunfando como cantor crioulo.

De volta, de novo cos Trovadores. A orquestra de Alfonso Saavedra actuaba nos invernos nas mellores salas de Madrid. Dese tempo é o bolero moruno Sahara. No ano sesenta recibe unha chamada dende Francia do seu amigo Prudencio Romo. Os Tamara están en Marsella, veñen de Álxer. Agárdelles un mes de actuacións na sala Olympia de París. Mais o seu vocalista, Germán Olariaga, acaba de desaparecer. Así debuta Pucho cos Tamara. E un novo chanzo das súa formación musical: a chanson francesa. No Olympia non perdeu nin unha das sesións do compañeiro de cartel, un dos maiores poetas do século XX, o belga Jacques Brel.

Nunha actuación en Montreux, ano 64, coinciden co grupo de Candelas, o Ferreiriño de Orto, Los Españoles. Alí son testemuñas dun feito extraordinario. O público vírase tolo cando Candelas canta unha canción en galego. Existe un gran colectivo, a emigración, que está a demandar música propia. Deciden gravar a peza. Galicia, terra nosa convértese nun éxito sen precedentes.

Despois virían moitas máis, versos de Rosalía, Curros, Francisco Añón. A música galega renacía en Suíza, coas composicións de Prudencio Romo e a voz de Pucho Boedo.

Hai hoxe trinta anos finaba o gran crooner coruñés.

A min vanme facer bo despois de morto, adoitaba comentar. Acertou. Os grandes artistas nunca morren, porque cando a vida acaba comeza a lenda: Pucho Boedo !

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00