A Coruña, Trinxerpe
A Coruña
Moi grande é o vencello entre galegos e vascos nas cousas do mar. O temón dicímoslle tamén leme, e leme tamén os vasco. Ao axudante da cociña chámanllecho nos pesqueiros desta ribeira, ou sexa, rapaz en auténtico vasco de Bermeo. E tanta é presenza dos galegos nos portos de Pasaia e Trintxerpe que cando un barco saúda pola telefonía: Egu non, o propio é que outro lle responda, eu tampouco.
Cómpre significar esta realidade fecunda absolutamentedescoñecida para os terrícolas. No ano 92, os Diplomáticos de Monte-Alto fomos tocar ás festas de Pasaia. Primeira sesión bravú en Euskadi. A festa foi moi ben. Ao día seguinte chamoume a atención a cantidade de bares con nomes enxebre. E mesmo escoitei algunha parolada en galego entre a xente maior.Nada sabía entón de Trintxerpe, construído polos mariñeiros da nosa ribeira. Toda a xente de Corme ten familia por esa banda. Un colectivo proletario especialmente activo no tempo da República e que chegou a ser cualificado como A meca do soviet “rojo” en Euskadi.Os mariñeiros galegos de Trincherpe, que foron os leóns do Norte, como escribe en Sempre en Galiza o propio Castelao.
Na miña última estadía polo país vasco puiden achegarme por aló: Casas empoleiradas na montaña e peiraos do Gran Sol. Como bo turista preguntei cal era a taberna máis antiga. A resposta toca ben dentro:La taberna más antigua de Trintxerpe? Coruña Taberna. Por suposto fun tomarlle un grolo. Entrei pola porta todo afouto significando a miña condición. O donorebaixou de vez tanto arroallo.Si é taberna máis vella de Trintxerpe, ten máis dun século,pero antes non se chamaba así….Oh duro golpe á miña apoteose coruñenta!…recuperei os folgos e repreguntei: E como lle dicían entón: Antes de Coruña, chamábase Corrubedo.
En fin do Muro a Trintxerpe, canto che nos queda por aprender desoutra Galiza que se estende, alén da Palloza, por todos os camiños do mar !