Cancioneiro, borbónico, do ferrocarril
A Coruña
Veu un señor
pola vía
de cabeza branca
e barba tamén.
É o duque de Sexto
que ven a ver esto
no primeiro tren:
o mayooordomo
d'o Rei.
Tal cantarea se escoitaba polas rúas da Coruña, en 1883, tras da chegada á cidade, o 1 de Setembro, dos dous primeiros comboios do ferrocarril. Abordo do segundo, o propio rei Alfonso XII, disposto a inaugurar a Estación do Norte:
O primeiro de Setiembre
veu Alfonso XII
no segundo tren
a visitar aos gallegos
porque os madrileños
non o queren ben.
Coruñesas e coruñeses estaban emocionados. Tiveran que agardar un pouco. Exactamente, vinte e cinco anos. En 1858, o nenoAlfonso, xa estivera aquí, no colo da súa nai, a raíña Isabel II, para colocar a primeira pedra desta Estación do Norte, situada na Cubela. Ou sexa na outra banda do río de Monelos. Ou sexa, dentro antigo Concello de Oza. E xa saben tamén como, segundo don GenaroMarinhas de Valle, o alcalde deste municipio, vestido con cirolas, puxo fóra a base de fungueirazos o alcalde do concello doutro lado do río. Ese que quería ocupar o seu posto ao lado da raíña no protocolo.
Coñecemos estas cántigas, polo Cancioneiro de Ballesteros, obra moi significada, impulsada entre outros polo propio pai de Antonio Machado. E apliqueille a melodía que parecía reclamar o metro deses versos. Grazas a unha amiga, a escritora CurraFigueroa, souben que o paso deses dous trens inaugurais tamén deixara pegada sonora en Lugo. Para miña sorpresa, Curra cantoume a peza coa mesma melodía que eu imaxinara:
Quen era aquela señora de capota blanca que viña no tren?
Érache a muller de Alfonso raíña de España nora de Isabel.
Quizá porque sempre chegou tarde, a cidade é xenerosa no cancioneiro do ferrocarril.
Grazas a unha nota de Antonio, sabio coruñés - síntoo non apuntei o teu apelido- souben destoutra peza. Seguimos coas pompas borbónicas:
Durante a visita do rei Afonso XIII, o 24/09/27 para inaugurar as obras do ferrocarril A Coruña-Zamora. O alcaldeD. Manuel CasásFdezdeulle o brazo á raíña e desprazou coa súa actitude ao gobernador civil -imposto por Primo de Rivera- que pretendía rachar co protocolo e “figurar”.
Así naceu arepichoca:
“Ai Manuel, Manuel,
Ti fixeches ben.
O que queira ganchete,
que se enganche do tren!”
Talento melódico temos dabondo. Agora faltan argumentos. Oxalá, algún día –intermodal, de proximidade e longo percorrido- A Coruña poda estrear á fin –música de vangarda- a súa grande ópera do FERROCARRIL.