Somos un pobo de artistas
A Coruña
Constantemente nesta cidade estamos recibindo novos estímulos de creadoras e creadores emerxentes. Ao tempo artistas de longo percorrido demostran, co argumento do talento e da experiencia que lles segue a correr máis a cabeciña que o almanaque.
Velaí "A Voz do Vento", o novo proxecto, libro-disco de Fran Amil
Fran Amil, batería prodixioso. Fundador dun grupo mítico, Os Papaqueixos. Poder percutivo dos Ultraqäns. O ano pasado asinaba un libro-discoben fermoso: Chuches Amil. Hai só uns días, isto é unha primicia, un novo proxecto, "A Voz do Vento". Unha visita en clave de rock and roll á poesía de Manuel María.
Manuel María, o gran poeta da Terra Chá, que elixiu libremente ser veciño da Coruña. A súa palabra, dende os anos sesenta foi pedra angular da música alega: Voces Ceibes; o Carro ou a Cántiga das Encrobas de Fuxan os Ventos. Con Suso Vaamonde e os seus "Soños na Gaiola",literalmente inventou a música infantil. Parecía que estaba todo cantado. E chegou Fran Amil, para amosar a actualidade da súa poesía, con guitarra e distorsión.
A reposta da xente nova é inmediata. Dou fe, polos choutos que dan as miñas fillas na casa. Téñenme secuestrado o disco.
Cando volvín escoitar estes versos na voz de Fran Amil e a súa "Tribo incomprensíbel", lembrei a Manuel María naquel pregón das Festas de Monte-Alto.
Palabra fermosa e firme que deixou enfeitizada a xente toda.
Ao remate un vello festexeiro comentou:
Este home volveu traer á Coruña, a alegría da República.