Sociedad | Actualidad
O momento coruñento de Xurxo Souto

Das pirámides submarinas

A Coruña

Atención terrícola, nesta cidade prodixiosa, tamén hai grandes monumentos debaixo da tona da auga, tamén hai grandes monumentos no fondo do mar. Xa nolo advertía nos ano cincuenta, Urbano Lugrís, nunha das súas entregas de Almacén de Curiosidades da Revista Vida Gallega:

Sabe o lector ?...que no rico inventario de cidades asolagadas, ou somerxidas, figura entre outras marabillosas, a do Orzán da Coruña, que tiña cen torres de ouro con campás de sal; e una praza porticada de tres días de andadura de largo, pavimentada de ámbar e coral, onde se celebraban xustas de místicos animais mariños ?

Ademais, as robalizas da Torre dispoñen do seu propio faro submarino. Contoumo finado Milucho Mariñas, sabio percebeiro. No ano 77, poucos meses despois da marea negra do Urquiola, as autoridades, reaccionaron con axilidade e inauguraron un faro enriba do bico de Punta Herminia. Tan rápido actuaron que nin sequera se preocuparon de saber como bouraba por alí o mar en inverno. Poucos días despois da estrea, o primeiro temporal papou o faro enteiro, e deixouno pousadiño no fondo. Onde agarda, aínda hoxe,a que fenosa se preocupe á fin de darlle o enganche eléctrico, para beneficio dos paseos de nécoras e centolas por esas vías submarinas.

Milucho Mariñas falárame tamén doutra estrutura impresionante no fondo das augas. Pola banda de Touriñán, onda a laxe do Farelo, houbo tantos naufraxios, que os cascos dos barcos acumúlanse uns enriba dos outros, a conformar unha monumental pirámide, tipo azteca, submarina.

Mais atención, na entrado do porto da Coruña, onde o mar perde fondo érguese outra pirámide, esta vez coa mesma fasquía exipcia, das de Kefrén, Micerinos e mais Keops.

Está construída con grandes pedras do Gran Sol. É a colleita lítica que durante décadas apañaron os aparellos nos seus arrastres. Pedras que os patróns non quixeron devolver ás praias para evitar embarres en novos lances. Acubillo de pintos e maragotas, ninguén quere dicirme exactamente onde está. Quizá polo Mar da Cota. Quizá nas Acentes, case a carón da ribeira. Ou quizá sobre esas rochas rabudas das Tousas de Leste ou de Vendaval.

Amilladoiro do Mar de Irlanda que medrou cos pelouros do Zapato, do Mar das Galiñas, coas pedras barrentas dos Tres Codillos. Tamén rochas do gran vocal Porcupine.

Soñar é resistir dixo Cuqueiro. E abofé que para quen queira mirar, agardan soños a eito. Entre o Prior e as Illas Sisargas. Marabillas asolagadas do Mar da Coruña. Ou como din os vellos, nasaugas fecundas do mar de María Antonia.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00