Do urbano e do rural
A Coruña
O fillo duns amigos viviu un pequeno trauma infantil. Ao contrario dos seus compañeiros de escola el “non tiña aldea”, saben do que estou falando. Mesmo tiveron que mirar de buscarlle unha aldea prestada, para que o rapaz puidese vivir tan marabillosa experiencia, como todos os demais.
Na descrición desta parte do mundo funciona como verdade absoluta un principio: o rural e o urbano, como dous universos antagónicos, cando a realidade, como demostra esta historia, é que a aldea somos nós. Isto é, a maior parte das veciñas e veciños da Coruña, que medramos nos barrios, Os Castros, os Mallos Labañou, canta gloria !, reproducindo os modelos que os nosos pais e nais, avoas ou avós trouxeron de todas as aldeas do país.
Mesmo podemos atopar un resume do mapa de Galiza no plano da cidade. Por onde as nosas familias foron entrando, alí se foron asentando. Por iso hai tanta xente da banda de Guitiriz, Cospeito, Friol, pola parte dos Castros. Por iso media Costa da Morte está na Agra do Orzán.
Na Fundación Luis Seoane presentouse “A Galicia urbana”, unha intensa reflexión sobre estes eidos, coordinada polo urbanista Daniel Pino e o xeógrafo Rubén Lois.
Neste traballo por fin se reflexiona e se pon en cuestión ese tópico do urbano e do rural. Visión simple e superficial coa que se peneira a realidade toda. Até o propio Partido Popular. Si, xa saben, os do birrete e mais os da boina.
Rural e urbano tópico mentireiro -todos somos da aldea- e interesado abofé.
A aldea é o pasado, o que esmorece, o galego; a cidade é o progreso, o inglés o futuro.
Esta visión sustenta situacións ben tristes. Na vez de reforzar ese fío de prata coas nosas orixes, e amañar á casa da aldea, onde a nosa familia ten nome, e todos saben quen foron os nosos avós, mercamos chalétsadosados en calquera urbanización.
Mesmo a palabra aldea converteuse en tabú. E compre referirse os que alí viven –tipo NationalGeographic- como habitantes do “rural”.
O desprezo por esa sabedoría antiga, os nomes de antes, mesmo se manifesta dun xeito sorprendente. Sada segue a padecer as consecuencias das durísimas inundacións. Mais a pregunta é quen sería ese “lumbreras” que permitiu” construír edificios nuns lugares chamados A Braña e A Lagoa ?
O futuro é o pasado. Otero Pedrayo soñou cunha Galiza cidade xardín, un país con boas comunicacións, onde todo o mundo podería achegarse en poucos minutos os servizos urbanos, e gozar da calidade de vida do campo.
Que non nos conten como é o noso mundo. Cada día creamos a realidade. As miles de familias que viñemos de todas partes para facer grande a Coruña, e que, co mar do Orzán nos beizos, podemos dicir con orgullo: A aldea somos Nós !