La Ventana de las RíasLa Ventana de las Rías
Ocio y cultura
O momento coruñento de Xurxo Souto

Das pistas de baile

A Coruña

Hai tan só unhas décadas, por estas datas, a coruñesa, o coruñés, preparaba os seus zapatos para gastar pista.

Pois toda a cidade estaba inzada diso, de pistas de baile. Esplendor coreográfico ao aire libre, as estrelas no ceo e brisa morna das Mariñas.

Envexa dos tempos de antes. Crónicas evocadoras dos nosos maiores: A pista Carnicero, Maracaná na Gaiteira, o Leirón do Casino,a Chaparrita na Pasaxe, o Seixal, o Chiquitero en Guísamo, ou o mítico Rei Brigo, pola parte de Betanzos.

Seguro que polas súas lembranzas, están a bailar, señora, os nomes doutras moitas pistas que a miña xeración xa non chegou a coñecer.

Espazos-marabilla, para que, no fusco lusco, principiase a súa liturxia o vocalista:

Si quieren saber quiensoy

Yo se lo digo al instante

Alvaro Pita García

El de la orquestra Espallante.

Músicos e navegantes. Como acontece sempre nesta cidade, a súa pegada transcendeu tamén ás cousas do mar. Pois os nomes destas pistas serviron tamén para referirse os bailes depeixeiras, pataconeros, regateiras, subastadores e ratos do peirao nas tres lonxas do porto. Lembren as e os veteranos do Muro. A unha lonxa dicíanlle Copacabana. A outra a Parrilla ( pola pista do Hotel Embajador –actual pazo da Deputación-). A outra lonxa, segue activo, e chámanlle a Solana, precisamente pola pista do complexo lúdico-deportivo que o porto da Coruña deixou chantar enriba da praia do Parrote.

Ai! o esplendor daqueles bailes de antes... Aínda hai esperanza. Cómpre estar atentos, porque o Club do Mar, revive de cando en vez eses bailes. Os máis fermosos, segundo Sito Sedes, vocalista dos Satélites, cando -brisa morna de verán- marcaban o ritmo dos músicos as propias ondas de San Amaro.

De todos xeitos son afortunado. Aínda puiden vivir os derradeiros días dunha pista fermosísima. Falo do Liceo de Monelos, palmeiras e pérgola para os músicos, fagocitada, ano 93, polo cemento da especulación.

Alí celebramos os Diplomáticos de Monte-Alto“A Gran Parrochada”, a presentación do noso segundo disco. Ben cedo, aínda non serían as once da noite, apareceu a patrulla da policía municipal. Un veciño puxera unha denuncia por exceso de ruído. Os axentes reclamaron a nosa presenza no edificio principal. Entón un velliño que até entón parecía adormecido nun butacón, ergueuse de súpeto e encarouse con eles:

“A pista do Liceo deArtesanos Monelos ten licenza para armar festa dende 1928. E agora mesmo collo as chaves e vou ao despacho buscar documento”.

A súa intervención, alén de inesperada, foi definitiva. Os policías retiráronse sen máis preguntas. O velliño-souben despois que era o secretario da institución- chuscoume o ollo e comentou:

“Non hai papel ningún, pero se non lles gusta a música por que compran un piso a carón do Liceo de Monelos ?!”.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00