La Ventana de las RíasLa Ventana de las Rías
Ocio y cultura
O momento coruñento de Xurxo Souto

Taxistas en primavera

A Coruña

Primavera, días de desacougo climático. Conforme aparece a raiola, pode vir a chuvisca. Saes coa camisa estampada e, de súpeto, un vento frío méteche o polo norte polo corpo arriba. Quizá ao gremio que máis lle afecta este tempo escocés -isto é catro estacións nun día- sexan as e os taxistas.

Porque cada parada ten a súa propia temperatura. Atención erudita, erudito coruñés:

Cal é a parada máis soleada? Avenida de Hércules ? Nos seus tempos, Porta Real ? Non, Estación de Autobuses. No verán peta que dá medo.

E as paradas máis fresquiñas –propias nos días de calor para botar unha sesta- a rúa da Torre e, especialmente, a praza de Pontevedra. Nela sempre entra a brisa do mar. No inverno é especialmente fría, e no verán traizoeira. Un día de moita calor vas con pouca roupa, paras aí, enganchas a soneca e, cando te dás de conta, xa che papou a corrente. Mesmo se pode falar dunha enfermidade laboral do taxista coruñés, o síndrome da praza de Pontevedra, ese arrefriado de verán que vai directo ao lumbago.

E é importante que a taxista, o taxista, estea nun estado de plenitude física e mental. Todas as facultades son poucas para achegarse a certos recunchos desta cidade-laberinto. Como Teseo, co Minotauro, o taxista coruñés debe enfrontarse decote a grandes probas.

Hai rúas que teñen dous nomes, un por cada beirarrúa: velaí, no Ventorrillo, Mosteiro de Caaveiro dun lado, doutro Rodrigo A. de Santiago.

Hai tres rúas, na mesma zona pero distintas que se chaman a Falperra. Tíralle do aire ao G.P.S. !

Comentámolo moitas veces: Calle Caballeros é unha mala tradución da rúa alcabaleiros, isto é, os cobradores da alcabala. Os feitos danlle razón ao nome, alí estivo a caseta do fielato. Pois ben, os primeiros números da rúa Alcabaleiros non che están na rúa Alcabaleiros, senón na Avenida da Vedra.

E velaí o gran misterio do taxista. Na ronda de Outeiro, á altura da Estación do Tren, hai tres números que non existen. Mellor dito si existen mais están cara a rúa Sardiñeira…

Gloria ao taxista. Ánimo compañeiras, compañeiros ! Heroes da ruta que todo o superades para levarnos sempre ao noso destino, mesmo neste tempo de desacougos climáticos que lle din primavera.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00