Musica | Ocio y cultura
CONCELLO DE OURENSE

Primeiras confirmacións para as Festas de Ourense

A Praza Maior e o Xardín do Posío acollerán os concertos, pero a Área de Cultura traballa en completar a oferta musical por toda a cidade

Ourense

O cartel musical das Festas de Ourense 2016, que se celebrarán do sábado 25 de xuño ao domingo 3 de xullo, comeza a tomar forma. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, deu a coñecer os nomes dos primeiros confirmados: Xoel López e a súa banda, Delafé, Coque Malla, Ariel Roth, Sés, Duncan Dhu e Auryn, The Furious Monkey House... “Unha oferta variada, pensada para todos os públicos e con nomes de primeira fila do panorama musical mesturados co mellor talento musical da cidade”, en palabras do rexedor, “unhas festas montadas cun orzamento moi inferior (325.000 euros) ao do resto de capitais de provincia”. Así, xunto aos primeiros espadas, os palcos das festas acollerán a músicos locais como Gonzalo Arca, The Tetas' Van, Priscila, María so Ceo ou Manuel Carballo.

“Este goberno municipal quere unhas festas que os cidadáns consideren como propias e das que se sintan orgullosos, unhas festas de prestixio e reputación, como foron sempre as festas de Ourense”, dixo Vázquez Abad, anunciando que haberá máis novidades. Porque o departamento de Cultura traballa na contratación de máis bandas e músicos que amenicen todos os días de festas. “A idea”, en palabras do alcalde, “é que a música estea na rúa, e por iso queremos ir enchendo todas as praciñas da cidade”.

A Praza Maior acollerá os concertos de balde a partir das 22:30 horas (exceptuando o de The Furious Monkey House, que será ás 21:30 horas debido á idade dos seus compoñentes, todos menores de idade). O Xardín do Posío, pola súa banda, acollerá os concertos de pago (5€ por adiantado e 7€ na billeteira) a partir das 23:00 horas.

A elección do cartel será popular

Porén, a maior preocupación para as festas 2016 é lograr a complicidade da cidadanía. “Haberá, na liña dos últimos eventos convocados pola Concellería de Cultura, un concurso aberto de carteis”, adiantou o alcalde. Un xurado elixirá, de entre todos os presentados, cinco carteis que serán expostos para que toda a cidade poida valoralos. A partir de aí iniciarase unha consulta cidadá, que será online a través da páxina web da Concellería de Cultura. O prazo hábil desde a publicación da convocatoria será de 10 días.

Nos vindeiros días, a concellería irá desvelando máis asuntos relacionados coas festas, como é o caso do emprazamento das atraccións de feira (para as que os técnicos municipais buscan un lugar axeitado), o pregón, os fogos artificiais, a batalla de flores ou as orquestras, entre outros.

  • · Sábado 25 – Xoel López e banda presentando Paramales. Praza Maior, de balde. 22.30h.
  • · Domingo 26 – Roi Casal. Son Galego, Son Cubano. Praza Maior, de balde. 22:30h.
  • · Luns 27 – María do Ceo. Praza Maior, de balde. 22:30h.
  • · Mércores 29 – M-Carballo e Ariel Roth. Praza Maior, de balde. 22:30h.
  • · Xoves 30 – The Tetas' Van e Sés. Praza Maior, de balde. 22:30h.
  • · Xoves 30 – Duncan Dhu. Xardín do Posío. 23:00h. Entradas xa á venda a 5€ adiantada e 7€ na billeteira.
  • · Venres 1 – Gonzalo Arca e Delafé. Praza Maior, de balde. 22:30h.
  • · Venres 1 – Auryn. Xardín do Posío. 23:00h. Entradas xa á venda a 5€ adiantada e 7€ na billeteira.
  • · Sábado 2- Priscila e Coque Malla. Praza Maior, de balde. 22:30h.
  • · Domingo 3 – The Furious Monkey House. Praza Maior, de balde. 22:30h.
 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00