Luísa Villalta
A Coruña
“Cidade tatuada na pétrea pel do mar”, escribiu Luísa Villalta. A poeta morreu moi nova, mais regalounos para sempre o grande Cántico da Coruña, o seu libro “En Concreto”.
Cómpre achegar aos beizos, cada primavera, pois esa obra magna do “coruñecemento” Universal. A cidade convertida en espazo poético, como fixo antes Devesa Monterroso, no libro A Nau Enfeitizada, como antes fixo o padre Rubinos -alá polos anos trinta- n’ “O Poema da Cruña”. Obras ben diversas que navegan por un mesmo rego. A Coruña cidade-barco, e unha teima na súa tripulación:
Moreniña por te ver
pasei o mar da Marola
a piques de me perder
Velaí a apoteose do cancioneiro tradicional coruñés. Tríade céltica -como diría don Manuel Murguía na forma-. E unha mensaxe definitiva no fondo: Cómpre arriscalo todo para procurar a beleza.
A Coruña, luz e vento, unha pedra chantada no Atlántico. E a Torre, facho acendido para abrir camiños no Oceáno, o ou que é omesmo, para abrir camiños en todos os misterios. Ruído, fume, cemento… a pátina urbana tolda ás veces a percepción, e non permite sentir as magnitudes cósmica nas que armamos a vida.
Afortunadamente chega a mirada da poesía, chega a mirada de Luísa Villalta a sintonizar directamente con ese misterio de luz. Milagre da realidade tal e como o formulou a propia poeta: O meu nome é o da Cidade Alta. Nacido onde a luz e marse están orixinando mutuamente. A Coruña, nau enfeitizada, pedra, auga, vento, e nós dentro. Milagre do cotián que estoupa nos beizos cada vez que pronunciamos a palabra máxica: Orzán!
Embarquemos pois neste manifesto. “En Concreto”. Contra o frío, contra o desacougo un único destino: A Beleza. A mellor travesía de futuro para esta cidade barco que lle chaman A Coruña. Como Luísa escribiu: Cabeza, Garda, Chave, Forza e Antemural do Reino Renacido.