Clemente, o bicicentauro coruñés
A Coruña
Apoloxía de Clemente, bicicentauro coruñés. Así o definiu o guionista Juan Atonio Porto que, como todos os nenos do seu tempo, cinco décadas atrás, viviu fascinado as súas proezas polas rúas da Coruña enriba das rodas da bicicleta.
Está documentado: A maior parte da vida de Clemente transcorreu enriba da bici. Subía as rúas máis costaneiras. Percorría os muros da Praia do Orzán. Baixaba a escalinata da Cidade Vella até a rúa Troncoso. Guindábase pola Costa das Mulas abaixo e ... freaba de súpeto, xusto antes de se espetar contra o tranvía na estreita de San Andrés.
Intensas carreiras, duelo de titáns, contra un pequecho de pernas grosas, chamado Chaparro, pola explanada do porto. Tanta era entrega dos corredores que, ás veces, xinetes e monturas acaban no fondo do mar.
Agora que A Coruña quere andar en bicicleta, e cada vez somos máis os que, co consello municipal e pouco carril bici, tentamos usar as dúas rodas, é de xustiza reivindicar a este heroe, a este pioneiro.
Anos cincuenta. A Volta Ciclista a España chega á Coruña. Final de etapa nos Cantóns. A multitude colapsa o obelisco. A Radio anuncia a inminente aparición dos corredores. O Cantón Pequeno comeza a estourar en aplausos. Os berros esténdese por simpatía polo Cantón Grande. Rápido coma un lóstrego aparece un ciclista destacado a lucir a mítica camisola amarela. Entrega total dos coruñeses. O ciclista do maillot amarelo cruza a meta...bravo!!, co impulso case fai choutar ao Obelisco. Non dá freado até a altura do Goberno Civil. Xornalistas, autoridades, afeccionados rodean ao triunfador: Rodean a Clemente.
Estivera agachado na Ponte Pasaxe cunha radio na orella. E, cando soubo da proximidade do pelotón, lanzárase nunha carreira sen acougo, até a vitoria.
De alí a un pouco, din que Delio Rodríguez, o gran ciclista de Ponteareas, obtivo a vitoria oficial. A vitoria oficial. Porque ese día a gloria foi para Clemente.
Uns anos despois Clemente e a súa bicicleta desapareceron. Parece que estivo en África, na lexión. Pois el mesmo comentaba: “Dixéronme de ir á Laracha, e leváronme a Larache”.
Ciclistas de hoxe non esquezades a Clemente. Bicicentauro coruñés, aquel que atopou por uns segundos a gloria nos Cantóns. Poucos seres humanos teñen acadado tanta felicidade. Ese si que foi un momento coruñento!