Selecciona tu emisora

Ir a la emisora
PerfilDesconecta
Buscar noticias o podcast
Economía y negocios
O blog de Henrique Rabuñal

O galego viaxa en bus

A Coruña

Estes días a Compañía de Tranvías da Coruña tomou unha medida moi valiosa para visibilizar o galego. Usuarios e usuarias escoitan e ven tamén en galego a información acústica e visual referida ás 576 paradas que percorren as rúas, avenidas e barrios coruñeses. Na aplicación para teléfonos intelixentes que eu utilizo aparecen en galego esas mesmas paradas cuxo nome recupera a súa fasquía verdadeira, tantos anos oculta. Da liña 6 tiro estes exemplos: A Torre, Panadeiras, Avenida de Fisterra, A Silva, A Moura, Praza de España e Cemiterio de San Amaro.

A dimensión desta práctica debe avaliarse tendo en conta que a compañía transporta 21 millóns de persoas cada ano, isto é, toda a poboación coruñesa viaxa 84 veces ao ano nos buses vermellos, escoitando unha lingua que é a propia da Coruña. Non creo que haxa ningunha empresa pública nin privada que teña un contacto con tantas persoas polo que o galego, viaxando en bus, atopa na Compañía de Tranvías un aliado estratéxico.

A primeira liña de tranvías urbanos na cidade comunicaba Porta Real coa estación ferroviaria da Gaiteira e o balneario de Riazor. Vin vellas fotografías centenarias con carruaxes tiradas por mulas cando o galego formaba parte da paisaxe herculina. Cando era un neno eu viaxaba naqueles trolebuses de dous andares estilo londinense que se puxeran en funcionamento en 1961.

A Coruña precisaría dun tranvía que axudase á mobilidade nun espazo urbano moi reducido ao que acceden cada día millares de autos particulares. O tranvía turístico foi un fracaso absoluto. Neste século XXI a compañía modernizouse. Ten case 100 vehículos, activou as paradas intelixentes e abriu perfil en twitter (@tranviascoruna) e facebook (www.facebook.com/tranviascoruna) onde tamén utilizan a lingua galega para os seus máis de 2000 seguidores e amigos.

O acontecido na Coruña debía verificarse no conxunto do país de maneira normal. O galego debe viaxar en todo tipo de transporte terrestre, ferroviario, marítimo ou aéreo. Na Coruña temos a sorte de ter un goberno municipal que fixo do galego un compromiso permanente. En galego fala o alcalde e o seu equipo de goberno nos plenos, comisións e nos actos máis diversos. Había décadas que tal non se vira.

O galego vive momentos críticos. Cun goberno galego empeñado en obstaculizar a súa normalización efectiva. Pero as empresas, as persoas e as institucións temos moito que facer por reverter ese proceso e abrirlle ao galego novas oportunidades. Que o galego viaxe nos buses vermellos da Coruña e que apareza nas aplicacións e ferramentas electrónicas é sen dúbida unha moi boa noticia. Como usuario diario deses buses podo dicir que é unha regalía e un agasallo. O próximo debía ser o referido ao topónimo que usa a Compañía que algún día será de Tranvías da Coruña.

 

Directo

  • Cadena SER

  •  
Últimos programas

Estas escuchando

Hora 14
Crónica 24/7

1x24: Ser o no Ser

23/08/2024 - 01:38:13

Ir al podcast

Noticias en 3′

  •  
Noticias en 3′
Últimos programas

Otros episodios

Cualquier tiempo pasado fue anterior

Tu audio se ha acabado.
Te redirigiremos al directo.

5 "

Compartir