La Ventana de las RíasLa Ventana de las Rías
Ocio y cultura
O momento coruñento de Xurxo Souto

Lumeirada!

A Coruña

Lumeirada, moito che me gusta esta palabra. Lumeirada, que estes días volve escoitarse, cada vez con máis intensidade, polos currunchos todos da cidade.

Porque na Coruña non prendemos fogueiras, nin laradas, nin cacharelas -palabras ben fermosas todas elas por certo-, porque nós temos unha denominación propia. E alegría do San Xoán acéndese cada ano en forma de lumeirada.

Así foi dende sempre. Lumeiradas do San Xoán. E cando alguén di: dende sempre, está a referirse en realidade ao tempo da infancia. Así tal foi na miña, cando os nenos das Atochas corriamos polos recantos dos Pelamios para buscar madeira. Sempre dispostos a apañar calquera anaco de leña que quedase despistada, sempre atentos -con gardas de case vinte catro horas- a que non roubasen a nosa madeira os rapaces da outra rúa.

Co paso dos anos, para solaz dos bombeiros, as lumeiradas foron deixando os barrios e descubriron o mar.

A curva da baía do Orzan tinxida de mil lumes. Unha nova imaxe icónica da Coruña contemporánea.

Os sabios etnógrafos non gustan de tal ubicación. Pois, en principio, o océano non pinta nada na liturxia desta festa. Teñen que comprender que os tempos mudan e que, mesmo sobre a antiga tradición, volveu triunfar unha verdade primeira: A Coruña naceu do mar, e no mar -tamén no tempo do San Xoán- ten que ter o seu futuro.

Máis aínda. Estas lumeiradas de ribeira son símbolo dun gran reencontro, un desagravio das coruñesas, dos coruñeses, co mar do Orzán. Aquela praia de area marabillosa que tivemos no centro da cidade, convertida nun gran recheo de caolín tras da construción do paseo marítimo.

Para significar tal reencontro propoño un ritual. Fixémolo hai uns meses en María Pita, farémolo o día 23 a rente do mar.

Simplemente cómpre collernos das mans e pronunciar xuntos a palabra perfecta. Xa saben por onde vou. Esa na que mellor coinciden significante e significado. Levámola todas e todos dentro. Mais por cotiá, ás veces, pasa desapercibida. A emoción de sentir nos beizos a palabra Orzán!

Orzán, que comeza cun O redondo como é redonda a baía. Colle forza nese R fricativo, como colle impulso a onda. E por fin estoupa con toda a intención -Z, A acentuado- como por fin o mar. Pura e branca escuma en forma de N final.

Ritual do Orzán, sempre fecundo. Máis vizoso e luminoso aínda neste tempo. Cómpre preparalo ben. Este xoves, os Diplomáticos de Monte-Alto faremos un ensaio. Quedamos, ás oito, no Café máis antigo da Coruña, no Borrazás, na rúa do Orzán, tiña que ser. Alí a agardo, señora. Para seguir acendendo xuntosas muxicas da LUMEIRADA!

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00