La Ventana de las RíasLa Ventana de las Rías
Ocio y cultura
Momento Coruñento

Regueifa coruñenta

A Coruña

Ana Kairo, Ana Kairo

mira como se retorce

pasa de sesenta anos

parece que ten catorce.

Versos dun mestre regueifeiro, o Atrevido de Santa Comba, que así atencionou á famosa artista -aínda que moi ben non lle aprendera o nome- un venres de Luar.

Neste reencontro, permítanme que lles fale desta arte antiga, cargada de futuro: A regueifa.

Esas copras improvisadas, instante e talento, que tan ben armaban os grandes cantadores de Bergantiños.

A finais no mes pasado, na romaría –estendida- de Santa Margarida, organizamos na praza de Galicia unha modesta, mais fecunda, sesión de regueifa. Prometemos que ía ter continuidade. E velaí esta proclama no momento coruñento.

A regueifa, intensa terapia mental para analizar as reviravoltas todas do noso presente. Aínda que soe a antiga e decimonónica a regueifa está moi próxima a nós.

Pola banda de Feáns cantáronse até hai pouco, alí dicíanlle trailalailas, nomeadamente na casa de Capelán.

Hai poucas datas finaba un dos grandes nomes, Guillermo da Rabaleira. Tiven a honra de coñecer Costa de Xaviña, a Fermín, ao Atrevido de Santa Comba, e tamén a Calviño de Tallo, mestre dos regueifeiros de Bergantiños.

Así se refería el mesmo á súa arte, estado alterado de conciencia, auténtico jazz da palabra: É como unha electricidade. Un momento antes non sei o que vou dicir, e despois todo cae no seu sitio.

A iniciación de Calviño participa dos arquetipos da épica heroica: o neno e o xigante. Entrou nunha taberna Blanco, regueifeiro de regueifeiros. Aplicoulle cadansúa cántiga a todos os presentes. Ninguén se atreveu a responder, fóra un rapaciño que mesmo foi quen de apertarlle as caravillas. Así coñeceu o mundo a Calviño de Tallo.

Nos oitenta, con Celestrino de Leiloio, encheu de gloria o xénero. Da man do Sindicato Galego da Música xuntos regueifaron por todo o país. Celestrino finou novo. Calviño atopou outro compañeiro, Antonio de Xornes. O éxito continuaba imparable, até que a empresa na que traballaba Antonio -Zara- lle cambiou a quenda para a fin de semana. Así rematou esta primeira expansión pangalaica.

Mais quen dixo medo, unha nova fornada de regueifeiras e regueifeiros está a encher de talento todo o país. Na Coruña, tamén, con esa cor propia, dos trailalailas de Feáns.

Como dixo Alexandre de Fisterra....de remate, que continúe. Aquí queda a proclama. Atención señora !: A creación dun fato regueifeiro –os argumentos e as tabernas sobran- para os novos tempos.

Grazas a Radio Coruña

Por me ceder o seu tempo

Pra lle cantar a regueifa

No momento coruñento.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00