Sorride
A Coruña
Se fixestes o imposíbel para que agromase no país un novo ciclo político e sodes parte dos máis de 700.000 electores que dixestes non a Feijóo, sorride.
Se non sodes cómplices daquelas políticas que afogan á maioría e retallan servizos e dereitos, se non ficastes na casa e se concibides a política como unha maratona que nos pode levar lonxe a todas sen deixar a ninguén na estacada, sorride.
Se credes que hai programas e políticas alternativas, se non lles faltades ao respecto a quen está na voa veciñanza ideolóxica aínda que se vos insulte, sorride.
Se vos sentides vencidos pero non convencidos e decidistes seguir no camiño encetado e se mantedes o voso compromiso con este país e os seus devezos, sorride.
No voso sorriso aniña unha parte do mellor que somos e posuímos. Novas metodoloxías, novas visións das cousas e nalgúns casos vontade por compartir espazos para sermos máis fortes e eficaces.
Deixo facer o seu traballo a quen goza na haxiografía da maioría absoluta e a quen xa pide explicacións por uns resultados insatisfactorios porque quen sorrimos tamén queremos máis.
Eu non sei o que teño de polítólogo. Ao mellor nada. Por iso apelo ao voso sorriso, lúcido, limpo e construtivo para seguir estes catro anos na loita e para que en próximas citas electorais o sorriso tamén sexa consecuencia e causa dos resultados.
Por iso é que vos digo. Sorride. Sóbranvos razóns para o facerdes.