Comeza o II Encontro Mulleres Creando
A 9ª edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que se desenvolve entre os días 7 e 19 de outubro, volve acoller un ano máis o Encontro Mulleres Creando
Ourense
A 9ª edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que se desenvolve entre os días 7 e 19 de outubro, volve acoller un ano máis o Encontro Mulleres Creando, coa participación de 34 mulleres do panorama escénico galego, ademais dalgunhas convidadas do ámbito internacional.
Este encontro, coordinado por Marta Pérez, desenvolverase os días 14, 15 e 16 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense e ten como finalidade construír un espazo de intercambio artístico, divulgación e estudo da creación escénica feminina nas súas múltiples facetas. Este ano, o Encontro centrarase na danza. Durante estes días realizaranse 6 mesas temáticas, onde as diferentes convidadas poderán intercambiar as súas diferentes linguaxes creativas, poñer en valor os seus traballos e asegurar así a visibilidade das actividades artísticas nas mulleres. A pretensión é coñecer en profundidade a situación das mulleres no ámbito das artes escénicas, promover á reflexión e debate ao redor delas e tomar as medidas necesarias de cara á igualdade. As mesas realizaranse durante toda a fin de semana en horario de 12 horas e 17 horas e estarán abertas a todo o público que queira achegarse.
Xunto coas diferentes mesas, presentaranse tres demostracións de teatro e danza de Kirenia C. Martínez e Gosia Trebacz, Olga Cameselle e Inherente Teatro.
Ademais das artistas convidadas, tamén estarán presentes directoras de Festivais escénicos galegos como María Armesto, Marta Alonso e Begoña Cuquejo, así como as concelleiras de Cultura de Santiago de Compostela e Ourense, Branca Novoneyra e Belén Iglesias, e as directoras do Centro Dramático Galego (Fefa Noia) e do Centro Coreográfico Galego (Mercedes Suárez). Contaremos tamén coas creadoras e escritoras Amaranta Osorio, que, chegada de Francia, dará conta dos Festivais Magdalena Project e de Marifé Santiago, concelleira de Cultura de Segovia e asesora de Zapatero nas áreas de educación e cultura.
Sinatura
Un acto importante nesta edición é que a directora do FITO, Ánxeles Cuña Bóveda, asinará de forma pública as Tempadas de Igualdade, converténdose na primeira directora dun Festival Galego que se compromete a realizar unha programación paritaria con igual número de mulleres e homes, en cumprimento da Lei orgánica para a igualdade efectiva mulleres homes 3.2007.
Esta iniciativa, promovida pola Asociación Clásicas y Modernas (Asociación para la Igualdad de Género en la Cultura) e que agora mesmo está sendo apoiada pola recente Plataforma de Mulleres na Cultura de Galicia, ten como obxectivo emprender un proceso progresivo para alcanzar a igualdade entre homes e mulleres no ámbito cultural, cunha representación non inferior ao 40% das actividades interpretadas e/ou avaladas por creadoras, poñendo en práctica os principios de igualdade de xénero e impulsar a Axenda Europea para a Igualdade na Cultura.
A sinatura realizarase de xeito público unha vez acabe a primeira mesa temática programada o venres 14 ás 12:00 horas.




