Camilo Nogueira
A Coruña
Mañá día 11 celébrase en Compostela unha moi merecida e oportuna Homenaxe Nacional a Camilo Nogueira. Homenaxe a unha figura moi relevante da vida política e social galega das últimas décadas. Galiza non sería o que é sen a entrega teimuda e lúcida de personalidades como a de Camilo.
Se o noso país tivese un senado de notábeis onde os postos se gañasen por terse empeñado en servir a esta terra de noso, Camilo tería sen dúbida privilexiado asento nel.
Non fai falta comungar con cada un dos seus pasos políticos para celebrar a homenaxe de mañá. Camilo Nogueira demostrou que tamén dentro das institucións se poden promover mudanzas cara a construción dunha mellor e máis xusta democracia.
Ás veces con moi pouca forza parlamentar deu proba de que se pode traballar para termos un autogoberno minimamente digno de tal nome, para apuntalar o que hoxe chamamos suxeito político galego e para que Galiza compita coas outras nacións do estado para exercer a dignidade que reclama e merece.
Nacido no fatídico ano 36 en Lavadores (hoxe Vigo), fillo do escultor e político Camilo Nogueira Martínez, formado como enxeñeiro e economista, presidiu a mítica Asociación Cultural de Vigo e desenvolveu unha militancia moi activa que o levou a ser deputado galego e eurodeputado.
Traballador de Citroën e de SODIGA, militante das liberdades galegas e da democracia desde as folgas do 72 é tamén autor de numerosos textos sobre a historia, a economía, a demografía e a política galega mesmo na súa dimensión europea.
Camilo Nogueira súmase a unha nómina de imprescindíbeis na historia galega máis próxima. Cando o lemos e o escoitamos, o seu discurso destila compromiso, modernidade e transgresión. Valores que tamén se celebran mañá na Homenaxe Nacional a unha persoa boa e xenerosa. E que constitúen un excelente e estimulante pasado e presente para o porvir que temos por edificar.