Cuba aquí
A Coruña
Paradoxos do noso presente, ten que finar alén do mar un dos máis famosos políticos do século XX, para que por fin escoitemos por aquí, a eufonía proparoxítona do nome dunha localidade galega, o resto do tempo absolutamente esquecida: Láncara.
Un bo símbolo do que somos e do que poderiamos chegar ser.
Non tentarei dicir nada orixinal en relación á morte de Fidel Castro. Só significar unha vez máis que Cuba está aquí, na cerna de nós mesmos. E que houbo un tempo, non demasiado, no que La Habana quedaba moito máis perto da Coruña que Madrid. Así o acredita, pletórica testemuña, o monumento a Curros Enríquez nos Cántóns. Aquel escritor de Celanova, adoptado como poeta da Coruña, que viaxou a Cuba para se converter nun dos grandes mestres da nosa literatura e impulsar, dende aló, a creación da propia Academia Galega (sita hoxe no número 11 da Rúa das Tabernas, no corazón mesmo da Cidade Vella).
Torre de Hércules e o Morro, faro habanero. Intensísima relación entre ambas as dúas beiras do océano, moi poucas veces recoñecida institucionalmente, cunha honrosa e marabillosa excepción. Falo da Feria do Libro de La Habana do ano 2008, na que Galiza foi convidada de honra, inaugurada cun concerto de Mercedes Peón. Galega e cubana, creatividade compartida. Verdadeiro fito histórico, aínda que á algúns, cadaquén coas súas miserias, desde evento extraordinario tan só lle interesou resaltar a factura dos mojitos.
Quizá pense, señora, que posuído pola correntada da actualidade, estou a esaxerar nesa relación entre A Coruña e Cuba. Non, teño probas sonoras e documentais de que xa hai máis de medio século, en plena revolución dos barbudos de Sierra Maestra, coruñesas e coruñeses xa presumían afoutos de tal vencello. Eis un anaco dunha cantarea antroideira, que Nito incluiu no seu apropósito do ano 1959.
Con isto de Fidel Castro
Nós podemos presumir.
Nós temos moito máis Castro
Nós temos Castromil
Falou Nito. Que conste en acta !