La Ventana de las RíasLa Ventana de las Rías
Ocio y cultura
Momento Coruñento

No centenario de Cántigas da Terra

A Coruña

A Coruña é a música. Condición natural dunha cidade que convive –pedra, océano, vento- co gran espectáculo da natureza: Música marabillosa, cada día, no solpor no mar do Orzán.

Por iso será tan fermoso este encontro: Cántigas da Terra e a Banda Municipal, o vindeiro domingo, no Pazo da Ópera, a celebrar o centenario do coro galego. Dúas institucións sonoras de grandísimo avoengo, que sempre sentiron o alento da Coruña máis popular.

Do impulso das Irmandades da Fala naceu Cántigas da Terra. E dende o primeiro momento, o coro saíu á rúapara descubrir Galiza.

Achego un dato revelador. Naquelas primeiras décadas do século XX celebrábase un mercado no Campo da Leña: Cebolas, allos e repolos das aldeas das Mariñas. Entre vendedoras e feirantes, alí che andaban con papel pautado os mestres de Cántigas da Terra. Pedíanlle por favor ás señoras que lle botasen unha peza da súa aldea. Como na altura non existían as gravadoras, apuntaban de ouvido a melodía no pentagrama. Cumpría superar de seguido este control de calidade: No próximo mercado, o mestre debía buscar a vendedora e cantarlle polo papel a melodía que lle aprendera. Se a señora daba o seu parabén, a peza pasaba a formar parte do arquivo. Se non, cumpría comezar de novo o proceso nesa cátedra de altos estudos musicais do Campo da Leña.

Ademais de repertorio, as propias rúas nutriron ao coro dos mellores intérpretes. Nos anos sesenta, tascas e tabernas eran escenario da canción popular. E a elas acudían os mestres, para orellar e fichar as mellores voces obreiras que soltaban a gorxa polos Olmos, a Franxa ou a Galera.

Esta cidade é a música. E toda a música galega está no arquivo de Cántigas da Terra. Por iso a partitura número 1, da sección foliadas, leva por título directamente: Foliada da Cruña. Esa que aprendemos -sen nos dar conta- un día da infancia da man dos nosos avós. Esa que agromará dende dentro, dende moi adentro, cando xuntos a volvamos cantar no Pazo da Ópera, con Cántigas da Terra e a banda Municipal!

Non che veño de mallare,

Anque che veño do xeito,

Non che veño de mallare

Veño de tender as redes,

Alá no medio do mare...

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00