O Burela FS quere seguir coa boa xeira
Trala clasificación para semifináis de Copa, os de Ibañes queren a sexta vitoria consecutiva
Lugo
Tras o histórico pase a semifinais de Copa do Rei ante Gran Canaria FS, o Pescados Rubén Burela FS xa está no último destino do o seu tour particular en 6 días. Este venres medirase na 11ª xornada de liga ao Catgas Energía (21.00 horas) en busca da terceira vitoria en menos dunha semana e a sexta consecutiva. “Compensaremos o cansazo con ganas e ilusión, ademais da confianza que nos deron as dúas vitorias seguidas nas illas” explicaba o laranxa Joan Miñano, protagonista por partida dobre onte, que ademais de defender a rede mariñá sentenciou o resultado con 2-4 definitivo na recta final do encontro.
O gardameta catalán mostrou unha “satisfacción enorme” polo seu papel na cita copeira encomiando a capacidade de serenidade e paciencia do equipo: “Soubemos aguantar nunha primeira parte que nos custou moito, condicionados polo resultado favorable de liga tan só catro días antes, cun rival que soubo apertar”. Con poucas horas de celebración, o conxunto galego subiuse ao avión rumbo a Barcelona ás 7.00 da mañá para recalar na terra do 20 laranxa. “Volver a esta pista é para min moi especial, onde xoguei desde os 9 anos. Aproveitarei para ver a familiares e amigos tamén, claro”, explicaba Miñano.
Desde a novena praza (15 puntos), o Pescados Rubén medirá a súa boa etapa numérica e anímica a un sólido Catgas Energía, que non coñece a derrota no seu feudo. Ocupa a cuarta praza (20 puntos) e chega coa espiña de quedar apeado de Copa do Rei, logo de encadear as vitorias ligueiras fronte a Canarias (5-3) e Santiago Futsal (3-7). “Creo que a nosa baza será a solidez en defensa. Catgas ten un ataque moi efectivo: se conseguimos defender ben como equipo poderemos facer moito dano á contra”, advertía o meta mariñán.
O cadro mariñán coñecerá a identidade do seu rival na primeira semifinal da historia laranxa o vindeiro martes, 20 de decembro, entre Levante UDDM, Magna Gurpea e ElPozo Murcia, que se impuxeron a Jaén Paraíso Interior (4-1), Valdepeñas (2-7) e Catgas Energia (3-5). A ida está programada para o 18 de xaneiro e a volta para o 8 de febreiro.