A praza de Abastos celebra o I Concurso Infantil de disfraces con premios de ata 300 euros
A Asociación de Usuarios de Casillas inicia unha nova etapa. Reclaman un novo parking que permita revitalizar o mercado compostelán

Pixabay

Santiago de Compostela
Asuca, a Asociación de Usuarios de Casillas da praza de Abastos, convida a tódolos clientes e veciños da comarca de Santiago a participar na primeira edición do Concurso Infantil de disfraces no mercado compostelán que terá lugar o vindeiro sábado 10 de febreiro ás 12.00h da mañá na praza central do mercado.
Haberá agasallos para tódolos nenos que participen na iniciativa e premios por valor de 300 euros en vales para mercar en establecementos da praza. O xurado estará composto por membros da corporación municipal e dos presidentes tanto de Asuca como da Cooperativa da praza, que serán os encargados de escoller os tres disfraces máis orixinais.
É unha iniciativa de Asuca, en colaboración coa cooperativa, no seu intento de revitalizar o mercado compostelán e de premiar a fidelidade dos consumidores habituais da praza de Abastos.
Nova directiva de ASUCA
Un grupo de praceiros vén de elexir a nova directiva de Asuca, a Asociación de Usuarios de Casillas que xogou un papel fundamental nas reformas que se acometeron no pasado.
Ante a feroz competencia que supoñen as grandes superficies, a praza de Abastos de Santiago carece de servicios tan básicos como un bó aparcamento. Esa, precisamente, é unha das principais reclamacións coa que bota a andar a renovada dirección de Asuca, que preside Juan Ramón Mariño Tojo.




