Sociedad | Actualidad
O blog de Henrique Rabuñal

Do estrés hídrico. Carta da Terra á Humanidade

A Coruña

Eu son a Terra, a vella Xea, milmillonaria en anos e aventuras. Nas miñas entrañas agromou a vida, tamén a vida humana.

Hoxe sonvos unha anciá doente que xa o viu case todo. Vin desaparecer os dinosauros e vinvos practicar a guerra en todas as súas formas. Con todos os seus traxes e pretextos.

Ben sabedes que son rica en ferro, farturenta en osíxeno e que a maior parte do meu achatado corpo está constituída por auga.

Hoxe padezo non poucas enfermidades. De moitas delas vós sodes os culpábeis. Na miña última visita ao Galeno diagnosticoume “estrés hídrico”.

A auga potábel xa é un ben escaso e serao máis, advertiume. Cantas máis persoas me habitades e canto máis ricas sodes máis auga precisades.

Cada ano nacedes cen millóns ou máis, vivides case un século e así non hai auga que chegue para tantos labregos e para tantas bocas que hidratar.

Vós estades moi sensibilizados co voso estrés. Eu co meu, co hídrico, porque vin saber o mal que conservades as infraestruturas vencelladas á auga, o dados que sodes á corrupción hidrolóxica e como vos gusta espallar a desigualdade. Territorios sen pinga de auga. E outros desperdiciando a mans cheas o prezado elemento.

Sodes incorrixíbeis cando se trata de maltratarme. Derretedes os glaciares, aumentades o nivel dos mares, alimentades as temperaturas extremas, desprezades as enerxías renovábeis e sodes insensíbeis á miña dor, vella coma eu mesma.

Eu avísovos pero non facedes caso. Os meus avisos son secas e inundacións, terremotos e maremotos, furacáns por non falar dos incendios forestais que mancan unha parte importante do meu ser desde a atlántica Iberia á dourada California. Porque o cambio climático é real como a vida mesma.

Todo iso estimula o meu estrés hídrico porque aumentan sen xeito as zonas áridas, eu padezo un quecemento global e sinto como se tivese febre todos os días do ano. E todos os anos do século.

Vós mirades para outro lado. Consentides niveis severos de contaminación, degradación ou entrofización e son contados os estados, os organismos e as administracións que encamiñen o uso doméstico, agrícola e industrial da auga. Mesmo hai quen pensa que os problemas se van arranxar por obra e graza dos vosos moitos deuses.

Nin vos importa, ao parecer, que as poboacións máis pobres que me habitan morran literalmente por falta de saneamento e hixiene sempre relacionados co acceso á auga.

O consumo de auga nos países ricos é unha vergoña, unha sorte de water party insolidaria que esquece que eu, a Terra, son unha soa e que os problemas son para todas as persoas e territorios.

Algo estades facendo moi mal, humanos e humanas. Miles de millóns de persoas agardan que matinedes algo e de contado. Moitas persoas, mulleres e nenos con frecuencia, teñen que percorrer a diario distancias quilométricas na procura da auga doce, ese ben escaso que non chega nas miñas illas e continentes nin a un 3% da auga total que me percorre.

O estrés hídrico non ten solucións doadas e este século que acabades de principiar debera ser o século da auga. Se non resolvedes o seu problema haberá máis guerras das que xa hai, severos conflitos nos territorios dun mesmo estado, rexión ou continente.

Tedes que poñer de verdade o problema da auga no epicentro do debate público a nivel mundial. Abofé que é un elemento escaso e moi relacionado coa organización das vosas vidas, coa economía, coa enerxía, coa demografía, co desenvolvemento.

Atendede ao crecemento da poboación urbana da África subsahariana e a Asia do Sur e considerade as necesidades das novas economías no Brasil, China, India ou na Federación de Rusia. E botade contas. E deixádevos de contos.

Podedes acusarme de egoísta. Podedes pensar que eu busco resolver o meu estrés. Fariades mal. O meu problema é o voso problema. E viceversa. Pensade se se poden manter cidades con 10 ou 15 millóns de consumidores de auga. Ou xigantescas infraestruturas turísticas. E moitos millares de hectáreas para producir alimentos. E de camiño abandonar moitos espazos rurais.

Pensade na eficiencia, na igualdade, na solidariedade, no aforro, na xestión cando abordedes o meu estrés. Educade e creade conciencia. Investigade que sabedes e podedes facelo moi ben. E actuade xa.

Non permitades que uns poucos desalmados xoguen co futuro da humanidade. Que fagan negocio con algo tan importante. Escoitade a voz dos ecoloxistas e dos científicos que levan tempo advertindo dos perigos e das ameazas.

Quédanme, segundo os vosos cálculos, polo menos 500 millóns de anos. Pero o futuro xa comezou. Ou me tratades como merezo e exercedes como humanidade responsábel ou as cousas irán de mal en peor.

Eu sei que as solucións non son doadas. Nunca o foron. Levo vendo durante milleiros de anos que sodes quen de conseguir case todo o que vos propuxestes. Se queredes podedes.

A problemática da auga non pode ser unha excepción. Será o termómetro co que medir a vosa e a miña saúde. En 100 ou 200 anos teño que volver ao Galeno. Vaime preguntar como van as cousas. Soño con poderlle dicir que o meu estrés hídrico está controlado, que foi a menos. Que realmente tomastes o asunto en serio e aplicastes medidas efectivas.

Con esa esperanza me despido. A auga é de todas e todos vós. Un agasallo dos deuses. O meu sangue máis prezado. Por iso non é de ninguén. Non especuledes con ela. Garantide o dereito á auga e poñédelle un prezo xusto e dádelle un uso responsábel. Os vosos tataranetos hánvolo agradecer.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00