Folga feminista
A Coruña
En poucas ocasións no debate público, o feminismo remexe todos os alicerces do sistema para interpelarnos. Desde as violencias machistas á fenda salarial, desde o traballo doméstico a todas as formas de precariedade e subalternidade laboral, desde o modelo educativo á corrupción, desde o recorte de dereitos á cultura da guerra.
É impagábel o golpe en riba da mesa que esta folga espalla en todos os segmentos de idade, en todas as identidades, en todas as clases sociais, en todos os ámbitos de poder e contrapoder, nos diversos oficios e actividades, nas diversas nacións do estado e do mundo.
Esta folga feminista é herdeira e continuadora de moitas loitas previas, de moitas mulleres valentes que sinalaron o camiño cara unha igualdade efectiva en dereitos e condicións de vida. Vivímolo tamén nesta Coruña combativa.
Se as mulleres, como parece, fan o seu labor tamén nos toca aos homes mover ficha e reeducarnos na nosa vida privada e pública, doméstica e profesional, para facermos avanzar o devezo feminista de quen sostén a metade do ceo.
O mundo, este noso e todos os outros, precisa destas mulleres que pelexan pola igualdade, pola vida digna, por rachar todas as fendas que ampara o patriarcado.
Grazas por remexerdes todos os alicerces da nosa vida e por persistirdes nese camiñar de mulleres libres e rebeldes. Parouse o mundo e tiveron que facerse moitas preguntas. Agora cómpre empurrar para pasarmos das palabras ás normas e aos feitos.