Silvia Federici na Coruña
A Coruña
Asistimos á inauguración da Escola Feminista do Concello da Coruña (www.coruna.gal/igualdade/gl/programas/escola-de-empoderamento-feminista) que inclúe dez obradoiros de balde , presentada pola concelleira de Igualdade e Diversidade Rocío Fraga. A protagonista do acto é Silvia Federici, a profesora italiana formada nos Estados Unidos cuxos libros e traballos, traducidos a varias linguas, circulan por todo o mundo: Calibán e a bruxa, Revolución en punto cero ou O patriarcado do salario.
Aguilloada polas atinadas preguntas da profesora Antía Pérez Caramés, Silvia vai abordando as cuestións que son a cerna do seu traballo académico e da súa militancia feminista de varias décadas. Como vén de facer na Semana Galega de Filosofía. En primeiro lugar o drama de millares de mulleres torturadas e asasinadas na Europa moderna cando a desaparición do feudalismo, como unha manifestación da nacente violencia capitalista. E a seguir a formulación dun prototipo de muller como un ser inferior e submiso, escravizada ao servizo doméstico e sexual dos homes. Pero a caza de bruxas non parece ser algo nin europeo nin da historia moderna. Pola contra, espallouse no espazo e no tempo e a profesora Federici detecta a súa vixencia nos nosos días en África e na América Latina, na India ou no Próximo Oriente e mesmo na situación económica, social e cultural das mulleres pobres dos Estados Unidos. Mulleres moitas veces defensoras das súas comunidades e enfrontadas aos mandatos máis lesivos do capitalismo, desde a austeridade aos intereses das grandes multinacionais.
Silvia Federici insiste na distribución de funcións que o capitalismo estableceu entre sexos. Para as mulleres é o traballo non remunerado e a reprodución, un traballo moi duro que actúa como imprescindíbel sostén da riqueza e do sistema económico e social no seu conxunto. Na súa opinión, o capitalismo vai mudando as súas necesidades e con elas o novo prototipo de muller que lle convén: nun tempo o de muller asalariada, noutro o de muller engaiolada na casa e dependente do home. Se o sistema o precisa, desenvolve elementos do estado do benestar para fabricar unha certa paz social e asegurar que aquel funcione a pleno rendemento.
Desde esta perspectiva, o feminismo cuestiona a explotación das mulleres e o seu rol nas nosas sociedades e critica a apropiación por parte de institucións da axenda feminista non para resolver as múltiples fendas e discriminacións senón para un verniz tan inocuo como estéril pero sen atender e practicar as súas demandas.
Mulleres e tamén homes debemos levar ás nosas vidas as proclamas do pasado 8 de marzo. Sabemos que hai moito traballo que facer. As achegas de Silvia Federici pero tamén a masiva e entusiasta asistencia no Paraninfo da UDC á súa disertación constitúen un importante estímulo para todas e todos.