Economia y negocios | Actualidad
O blog de Henrique Rabuñal

O convenio sobre a fachada marítima

A Coruña

Sobre a fachada marítima da Coruña existen dúas posicións moi antagónicas. Unha propón garantir a titularidade pública dos peiraos e do resto de espazos a través dun consorcio de institucións dando paso a políticas que acheguen máis e mellor espazo público e que aposten pola innovación, o coñecemento e a cultura. A outra posición ameaza con privatizar a xoia da coroa do urbanismo coruñés, con construír millares de vivendas e máis centros comerciais e con facelo desde a deslealdade institucional, a opacidade, a exclusión do goberno municipal e a desatención a unha cidadanía moi sensibilizada e mobilizada.

Cando escribimos estas liñas non coñecemos o convenio subscrito por catro institucións gobernadas polo mesmo partido. Puertos del Estado, a Autoridade Portuaria da Coruña, a Xunta e o propio goberno central. Pero todo apunta a que ese convenio debe encaixarse claramente na segunda das perspectivas que comentamos. Sobre ningunha das cuestións espiñentas hai certezas polo que a sensación de alarma percorre moitos ámbitos políticos e sociais da cidade máxime cando o convenio parece mostra dun sectarismo partidista, un abuso de poder en contradición co expresado nos plenos de María Pita pola maioría dos concelleiros.

Cando Núñez Feijóo era conselleiro hai case tres lustros denunciaba exactamente o que agora practica: a clandestinidade do convenio, a falta de colaboración entre institucións e a exclusión de actores decisivos, hoxe a Deputación e o concello.

No Foro de Radio Coruña dedicado a esta cuestión, a partir dos modelos de Bilbao e Valencia, albiscamos outra maneira de proceder, cos ollos postos noutro modelo de xestión pública que atendese os intereses da maioría. E que tamén comprendese as dificultades económicas da AP. Os terreos portuarios foron cedidos no seu momento pola cidade e agora poden cumprir funcións moi importantes para a mobilidade, o lecer, achegando equipamentos diversos ou actividades económicas sostibles. Nin o goberno español nin o galego debían ter na súa axenda contraprogramar a ningún goberno local e moito menos excluílo da configuración da máis importante transformación da cidade para as próximas décadas.

O presidente da Xunta decántase por unha operación moi arriscada en termos políticos porque pode afastar aos seus de recuperar os apoios perdidos en 2015. Iso sumaríase a unha maneira de facer oposición que non parece convencer nin aos propios. Pero aquí a política de luces curtas e a puramente partidista debía ser castigada. A Coruña non se proxecta sen a corporación e goberno municipais e sen o conxunto de colectivos que a configuran. A batalla que se prevé vai ser dura. E longa. Hai moito en xogo. A cidadanía vai estar máis pendente ca nunca de gañar con dignidade o seu porvir e de defender o que lexitimamente lle pertence.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00