Economia y negocios | Actualidad
O blog de Henrique Rabuñal

Sobre o protocolo da fachada marítima

A Coruña

Puidemos por fin ler as 24 páxinas do "Protocolo de actuación" entre Fomento, a Xunta, Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña (APAC). E confirmar todas as alarmas. Mantense o esquema de financiamento do Porto Exterior (PE) segundo o previsto nos convenios de 2004 que supoñen unha seria ameaza para o deseño da Coruña das próximas décadas.

Nos convenios de 2004 en San Diego figuran 400.000 metros cadrados edificábeis, con 4000 vivendas de máxima altura alén de oficinas, centros comerciais e de ocio. En Calvo Sotelo e Batería, ao carón da céntrica Praza de Ourense, temos 50.000 metros cadrados edificábeis, con edificios de 9 alturas, hoteis, centros comerciais e de ocio. Eses convenios foron incorporados ademais aos PXOM, o último é de 2013 que non atendía nin a porcentaxe de vivenda protexida.

O Protocolo de 2018 lémbranos non os desaxustes desmesurados entre as cifras previstas (500 millóns) e as reais (máis de 1000 millóns) para a construción do PE senón os préstamos de 330 millóns que hai contraídos co Banco Europeo de Investimentos (www.eib.org) e Puertos del Estado. Débedas que se pretenden afrontar a través da enaxenación ou alleamento dos terreos portuarios desafectados.

O que parece un escándalo en si mesmo é que o Protocolo vexa compatíbel a viabilidade do proxecto portuario co desenvolvemento urbano e as necesidades da cidade cando excluíu ao concello quen debe fixar posición sobre aquel desenvolvemento e estas necesidades. A Coruña non precisa nin millares de vivendas nin máis centros comerciais.

O propio Plan de Empresa da APAC esixe facer caixa urxentemente coa venda do Hotel Finisterre, coa venda dos terreos de San Diego (Zona 2) e cos ingresos que espera obter en Batería e Calvo Sotelo (Zona 1).

A lealdade institucional que se proclama parece reservada ás partes comprometidas no Protocolo como se non existise a propia institución municipal con competencias en materia urbanística.

Nas cláusulas que acompañan o convenio de catro anos prorrogábeis entre as catro institucións establécense os compromisos adquiridos por cada unha. Fomento e Puertos del Estado darán o visto bo a todo o proceso. A Xunta comprará o 51% da zona 1. A APAC declarará a "innecesariedade" da Zona 2 con fidelidade ao establecido en 2004. E na Comisión de Seguimento prevista tamén está excluído o concello.

Nos últimos anos tomáronse xa decisións que sinalaban o peor dos camiños. En 2012 o solar da Solana pasa á categoría de solo privado. En 2016 a APAC decide vender o solar da Solana e o Finisterre. Este "Protocolo" segue na peor das direccións.

Para concluír, este "Protocolo" na nosa opinión, suporía unha moi severa destrución da cidade. Unha mutilación definitiva. O que debe ser unha oportunidade de innovación e rexeneración convértese nun inmerecido castigo. Nunha choqueirada especulativa máis. Abórdese con rigor e seriedade as débedas do PE e os desaxustes contábeis da APAC.

Polo visto no rescate bancario, nas estradas radiais rescatadas polo goberno do Partido Popular ou no financiamento público doutros portos hai recursos suficientes e outras maneiras de actuar. O que non se pode tolerar é que para aliviar a débeda da APAC se consinta a destrución e o espolio dunha cidade. E que se faga cun Protocolo ao que non se convida ao concello da cidade. Asinado por catro institucións que teñen algo en común: son gobernadas polo mesmo partido político.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00