A nova residencia de maiores construiráse en Cudeiro
A Xunta de Galicia acordou co concello de Ourense a cesión de terreos para a construción da nova residencia de maiores.

Imagen de archivo del Camino real de Cudeiro. / Radio Ourense- Cadena Ser

Ourense
A Consellería de Política Social vén de dar un novo paso para a construción e entrada en servizo da futura residencia de maiores proxectada en Ourense dentro do plan ‘Como na casa’. De feito, a Administración autonómica remitiu hoxe á local o convenio de colaboración para a cesión a título gratuíto, por parte do concello, dunha parcela na que se asentará o novo equipamento.
En canto á situación da nova infraestrutura, esta localizarase nun terreo de 7856 metros cadrados situado no Camiño Real de Cudeiro. Así as cousas, o Concello realizará todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión deste terreo á Consellería de Política Social, libre de cargas e gravames. Unha vez aceptada a cesión, o departamento autonómico ocuparase da construción do centro de maiores.
Deste xeito, o Goberno galego responde a unha das prioridades recollidas no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 en relación á necesidade de incrementar a cobertura de atención ás persoas maiores. Nesta liña, Rey Varela explicou que o obxectivo “é mellorar a calidade de vida dun colectivo especialmente vulnerable, aumentando a oferta asistencial pública naqueles lugares onde se concentra a demanda de prazas, que son as grandes cidades e as súas áreas metropolitanas”.
En canto ás características que terán as novas residencias proxectadas, indicar que como novidade todas terán unidades xeriátricas e psicoxeriátricas diferenciadas; é dicir, contarán con zonas específicas para aloxar, coidar e traballar con residentes que padezan deterioracións ou trastornos cognitivos severos, facilitando así a súa correcta atención e mellorando a calidade asistencial. O resto das áreas das novas residencias destinaranse a zona social, con espazos para favorecer a convivencia, desenvolver actividades e recibir visitas. Tamén contarán cunha área de atención especializada que acollerá a consulta médica, as salas de rehabilitación e podoloxía, a farmacia e unha unidade de enfermaría; e finalmente, cada un dos centros completarase con zona de administración e servizos: lavandería, cociña...
A posta en servizo destas residencias permitirá que máis de 900 persoas maiores accedan ás novas prazas residenciais, reducindo deste xeito a lista de agarda, e suporá a creación de arredor de 500 empregos vinculados directa ou indirectamente ao sistema galego de atención á dependencia.




