Longuísima precampaña electoral
A Coruña
A oito meses das eleccións municipais imos vivir unha longuísima e incesante precampaña electoral. A falta de coñecer equipos definitivos e mesmo o candidato ou candidata socialista, na Coruña, como noutras cidades e concellos, imos vivir unha etapa de moitísima actividade política. Non se descartan fake news, posverdades e afinacións inesperadas.
En maio de 2019 os catro grupos con asento en María Pita deberán render contas do traballo feito, uns no goberno, outros na oposición, e a cidadanía chamada a votar deberá renovar adhesións ou cambiar o sentido do seu voto.
A estas alturas do ciclo político, o grupo da Marea Atlántica é o único que non variou a súa formación desde que se presentou ás municipais de 2015. Nestes anos, cos seus acertos e cos seus erros, entregouse en corpo e alma á gobernanza da cidade e soubo introducir no debate público ademais de novas formas e protocolos un proxecto moi recoñecíbel. En materia de políticas sociais, de lingua e cultura, de feminismos, de memoria histórica, de obras espalladas polos barrios, de defensa da fachada litoral, de redución da débeda, dunha Renda Social Municipal, de investimentos en centros educativos, de bosques e ecohortas, de novos contratos para servizos esenciais, de peonalización da Cidade Vella ou da custosa intervención en Riazor.
Habería que lembrar a Andreotti cando afirmaba que “o poder desgasta, sobre todo cando non se ten”. Os grupos da oposición ofrecen en conxunto a imaxe dunha cidade aletargada que a nós nos parece bastante afastada da realidade. Os populares, coa deserción de Carlos Negreira e a incorporación dunha nova candidata, fixeron un labor moi fragoso e foron incapaces de ver nada positivo adoptando un ton abrupto nestes anos ás veces máis situados a prol dos seus correlixionarios nos gobernos galego e español e menos leais aos intereses da cidade que non gobernan. Véxase o sentido do seu voto no CA da Autoridade Portuaria.
O grupo socialista, coa desaparición de Mar Barcón, non soubo ao noso entender establecer un discurso coherente que ás veces parecía de apoio ao goberno e outras de férrea e radical oposición. A concelleira nacionalista precisa encontrar o seu espazo esaxerando as debilidades e as contradicións do goberno e cede o primeiro lugar da lista a un político de longa traxectoria e sen experiencia no difícil escenario municipal.
O que un querería é que o debate político na cidade fose rigoroso. Mesmo que se encontrasen áreas de consenso para resolver ou encamiñar algúns dos retos máis complexos que temos por diante. Desde a fachada litoral, á mobilidade ou á área metropolitana. Que das palabras baleiras, as frases feitas e os clixés viaxásemos a un debate respectuoso sobre o inmediato futuro desta cidade que precisa a enerxía, o talento e a participación de todos e todas.
A oito meses das eleccións hai dous proxectos sobre A Coruña que parecen disputarse a posibilidade de gobernala. Coas bases do labor encetado pola Marea cremos que hai camiño para ese goberno que deixa pendentes moitos proxectos. A outra opción sería recuar, volver ao pasado e desandar moitos itinerarios estimulantes. A decisión en maio de 2019. Non queda nada!