Gustavo Pernas
A Coruña
Custa traballo e doe na alma escribir sobre Gustavo Pernas porque inesperadamente non está entre nós. Abandonou o escenario de maneira elegante logo de se despedir axitando todos os músculos da súa alma de actor. Todos os recunchos do seu corpo apaixonado.
Pertencía a unha xeración, que hoxe vive a súa madureza, de consolidación e de espallamento dos mellores soños de Abrente e conservaba sobre a cultura e o país un discurso e unha praxe lúcida, afirmativa e construtiva. E necesariamente crítica.
Durante trinta anos escribiu e representou con Áncora algunhas das pezas paradigmáticas do teatro actual e recibiu por ese inxente labor os recoñecementos máis prestixiosos. Tamén o respecto e o amor confeso dese mundo esixente e en permanente convulsión como é o universo das artes escénicas, o audiovisual e a literatura.
Gustavo exerceu de curandeiro, de psiquiatra e de sociólogo dunha sociedade enferma e ás veces paifoca, a nosa. Diagnosticou un capitalismo sen alma, altos graos de frivolidade, preocupantes síntomas de indiferenza e de pasividade. Alertou contra a perversión da incomunicación e quixo como artista sentar no gume da navalla entre o drama e o humor, entre a tradición e a experimentación, entre o local e o universal. Mesturando as linguaxes do cinema e do teatro.
Félix Muriel dá conta dun pobo labrego e mariñeiro que coñece o recendo da terra movida que recibe aos mortos. Cando se abrazou ao noso Gustavo, soubo nese instante –aínda que o soubo sempre- que tiña ao seu carón a un tipo excepcional e humilde, que sabía mirar e ouvir e a quen seguiremos querendo para sempre.