As confidencias de Picadillo
A Coruña
Xabier Maceiras recolle na Antoloxía das confidencias de Picadillo os textos que o señor de Anzobre publicara entre 1902 e 1918 na Revista Coruña Moderna, El Noroeste e El Orzán. Logo da carta aberta en verso de Jesús Luengo (1906) e da homenaxe asinada polo xornalista Jaime Solá (1913), é a neta de Picadillo, Chau Fernández-Gago Puga, quen recoñece que a propia familia sempre soñara con recompilar estes textos.
Picadillo (1874-1918) foi xuíz e fiscal municipal en Arteixo e na Coruña, concelleiro e dúas veces alcalde herculino (1915; 1917) e autor de 36 maneras de guisar el bacalao (1901), La cocina práctica (1905), El rancho de la tropa (1909), Pote aldeano (1911), Vigilia reservada (1913) e Mi historia política (1917).
Picadillo era prisioneiro da súa configuración. “Un gran sujeto” dicía de si mesmo. Pesou 225 kl. Esa obesidade limitaba a súa vida. Tiña dificultades para andar, non podía facer cousas tan simples como montar en bicicleta e moito se cabreou cando non puido entrar nun Club logo de poñeren portas xiratorias. Alí onde estaba non pasaba desapercibido e era obxecto de todo tipo de comentarios que aceptaba con humor.
A súa foi unha vida cómoda propia dun rendeiro burgués, chea de luxos. Militante do partido conservador, católico, apostólico e romano, considerábase un home ao revés, facía o que os demais non facían como loitar por non comer. Aínda que lle gustaban todos os trebellos modernos (gramófono, órgano, lanterna máxica, auto, fotografía) era conservador nos usos sociais e non gustaba de moitos cambios. Tíñase por avogado, escritor, xornalista, labrego, pai de familia e mestre dos seus fillos, presidente de moitas entidades. cociñeiro, algo político e moi amante da vida social e do trato con artistas, actores, músicos ou escritores. Entre eles o noso Curros Enríquez a quen tratou de neno. Aínda sendo conservador quería que todo o mundo exercese os seus dereitos civís, políticos e sociais. De si mesmo dinos que é unha persoa pacífica e amante da lectura e de autores como Galdós.
Picadillo escribe en español pero tamén coñece o “dialecto do país” e dos moitos paisanos e xente humilde coa que tamén se relaciona en Armentón e na Coruña. Xente que ás veces ten que emigrar porque vivir era difícil para moitas persoas. En Armentón ten vaca, burra, cabalos, galiñas, can, gatos, cochos e o sonado loro Rodríguez. Tempo para xogar á brisca, para os faladoiros nocturnos cos labregos, para escribir e traballar coas plantas, árbores e flores e para saber das desgrazas e venturas dos seus veciños e caseiros. Como as perdas na plantación de millo e trigo por mor dun temporal impresionante. Para recibir amigos e organizar xantares ou ceas.
Na Coruña é todo un personaxe. Visita o Mercado da Guarda, asiste aos concertos da Filharmónica, á ópera, ao teatro e ao cinema no Pavillón Lino, aos touros, ás festas civís e militares, aos bailes, á hípica, ás regatas, ás actividades do Sporting, á batalla das flores, á festa romana. Déixase ver na redacción dos xornais que le, no salón de peiteado, nas pastelarías, nas tendas innovadoras da Rúa Real. Exerce de cronista social e non hai nada que non lle interese.
Nas confidencias o asunto gastronómico está moi presente ligado ás grandes festas de nadal ou entroido, aos xantares populares nas romarías e a unha moi activa vida social nos mellores hoteis (o luxoso Hotel de Francia no Cantón, o Hotel de la Ferrocarrilana na rúa Nova, o Suízo), distinguidos casamentos, festas de todo tipo, restaurantes (o Café Suízo no cantón, o Ideal Room no edificio do Palace) e entidades sociais do seu tempo (o Sporting Club con sede en dependencias do Café Méndez Núñez entre a Rúa Real e a Mariña, a Hípica). Defende sempre unha cociña da terra fronte á estranxeira e pon en valor as cociñeiras domésticas. Era moi partidario da cociña clásica na que foi educado. Para el o nadal era a época do ollomol, o bacallau, o capón, o pavo e o mazapán. Aprecia todas as carnes, peixes, mariscos e lambonadas pero tamén un caldo de nabizas e unhas sardiñas asadas.
Ademais dunhas míticas viaxes a Cuba a visitar a familia e a Alemaña coa intención de perder peso, encantáballe pasearse pola Coruña (Cantóns, Rúa Real, Cidade vella, Rúa Nova, Riazor) e por Arteixo. Era moi dado ás romarías dos Remedios en Armentón, á Santa Eufemia de Arteixo, á do Santo Antón da Agolada, á dos Milagres de Maceda, ás festas do San Xoán de Carballo onde pasaba varios días, á feira de Paiosaco. Tamén facía excursións por Larín, Pastoriza, Sorrizo, Malpica, por Silleda e Lalín, polo mosteiro de Caveiro, por Lugo, Carral, Compostela, Pontevedra, Ourense e fóra do país viaxou a Zaragoza e Barcelona. Cada viaxe e cada excursión, cada romaría e cada festa ía acompañada dos xantares correspondentes.