Pita pide que os máis novos den un paso adiante
O capitán albivermello cre que a forma de reencontrarse coa vitoria reside no traballo en equipo

Carlos Pita en rolda de prensa / CD LUGO

Lugo
"A situación máis difícil dende que estamos da Segunda División". Sen rodeos nin agochos. O capitán do CD Lugo, Carlos Pita, lamenta a mala dinámica na que está inmerso o equipo albivermello, pero ve solución. "Para romper esta mala xeira temos que traballar xuntos, ser un equipo e comportarnos como tal. Nestes intres o papel dos veteranos é importante, pero é o momento de que os máis novos den un paso cara ó fronte porque, ademáis, van saír reforzados e van medrar profesionalmente", reflexiona.
Tras enlazar tres derrotas consecutivas, das dúas a domicilio ( ante o Numancia e o Mallorca), non quere quedar con nada, "hai que mudalo todo", di. "Non estivemos ben nin defensivamente nin ofensivamente. Non soubemos ler o partido". Toca dar un xiro, cambiala imaxe do equipo e "volver ser o equipo intenso, con trasicións rápidas... que eramos". Para reconciliarse coa senda da vitoria, o cinco pide "valentía" e "concentración", pois calquera síntoma de indecisión, despiste, ou precipitación pódese converter en erros que lastren as vitorias.
O partido ante o Elche enténdese coma unha final en plano mes de febreiro. "Gañar este encontro sería fundamental para o equipo. Vexo os compañeiros concienciados da situación na que estamos, enchufados e con ganas de darlle á volta. Deixar en casa os tres puntos daríanos os folgos que precisamos para viaxar cara Oviedo", indica.
Ocupala derradeira posición da permanencia non é prato de bo gusto para ningún conxunto da categoría e, malia que a situación podería ser ben peor, compre cortar esta mala dinámica. "Entre todos atoparámolo camiño. A afección axuda, apreta e precisámola no Anxo Carro. Temos unha plantilla con calidade, pero non podemos escudarnos nese argumento. Cada erro penaliza, hai que estar concentrados".
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo




