Cartafol de incógnitas en María Pita
A Coruña
As eleccións municipais na Coruña deixaron un pleno cunha estrutura parecida ao período anterior. Un dominante bloque progresista de 17 concelleiros fronte a outro conservador de 10. O máis substantivo no bloque progresista é o cambio de roles entre a Marea Atlántica e o PSOE. Aquela perde o goberno ao retroceder catro edís ao tempo que o alcalde Ferreiro desaparece da corporación. Pola contra, Inés Rey suma tres edís até chegar aos nove e será a nova alcaldesa da Coruña, a primeira muller que o consegue. Farao cos votos da Marea Atlántica. O BNG duplica a súa representación obtendo dous concelleiros.
No bloque conservador, Beatriz Mato cede un escano, o que gaña Ciudadanos, e aínda que obtén o maior número de votos está condenada a pasar outra lexislatura na oposición. Así as cousas, un previsíbel goberno de Inés Rey en minoría abre un cartafol de incógnitas en María Pita e unha etapa de gobernanza moi complexa en termos aritméticos.
O Partido Popular vai facer a oposición correúda que viña facendo, usando todos os resortes do poder que controla, persistindo na xudicialización da vida pública e sen dar un minuto de tregua ao novo goberno? E Ciudadanos, aterrizará nos problemas concretos da cidade? Sumará o seu escano á deriva irresponsábel que pregoa o seu líder?
Doutra parte, o goberno socialista porá en práctica o discurso de esquerda útil que vendeu na campaña electoral e saberá reclamar do goberno amigo en Madrid (no seu caso tamén do goberno amigo en Compostela) as decisións que a Coruña metropolitana demanda? E aínda, os socialistas obterán para si a colaboración que negaron de maneira sistemática ao goberno de Ferreiro? O goberno de Inés Rey vai procurar algún acordo con algún dos grupos da oposición?
Como conciliará a Marea o seu deber de leal oposición co seu compromiso para resolver os grandes desafíos da Coruña? Conseguirá que non se borren as pegadas do seu paso polo goberno? Visibilizará a culminación do seu traballo que en parte tamén acontecerá neste mandato pero presumibelmente desde a oposición?
E o BNG, practicará co goberno de Inés Rey a esixencia tan extrema exercida co anterior goberno municipal?
A estas incógnitas podemos acrecentar outras. Vaise manter o decisivo acordo de organización de 2015? A deslealdade institucional vivida estes anos, vai persistir? O incesante acoso mediático, vainos acompañar?
Unha cousa parece clara. Os grandes problemas nunca marchan. Van requirir amplas doses de consenso. Estaremos atentos, cadaquén desde a súa perspectiva, ao labor do goberno e á actuación outra vez determinante dos grupos da oposición. Ogallá prevaleza o ben común e a práctica máis digna da política. Ogallá quen goberne poida afirmar dentro de catro anos que deixa unha cidade mellor. Moita sorte á alcaldesa Inés Rey.