... fun nun carril patinete
A Coruña
Ola, que tal, benvidos á sección de radio que é Youtube ou ao Youtube que é tamén radio. Efectivamente, soubémolo hai uns días e si, imos ter que aturar isto outra vez: As eleccións? As hombreiras? non! O Carril bus na Coruña!
Para os que non lembren moi ben o conto, durante o bipartito na Coruña, en 2008, creouse un Carril bus que percorría a zona centro por case dous quilómetros de lonxitude. Cousa que serviu para facer desaparecer a dobre fila, e parte da primeira fila. A principal crítica chegou por parte dos comerciantes e veciños que claro, como non se podían aparcar aí pois deixaban de vir clientes ou que os servicios de cárrega e descárrega non o tiñan tan doado (a non ser que fosen en bus)
Entón en 2011, xa con Carlos Negreira, retirouse e xa todo máis ou menos normal até agora, no que todas as forzas, incluso os populares, apoian que se estude a implantación do carril bus. Esta vez todas as quinielas apuntan que unha das vías afectadas vai ser a Ronda de Outeiro.
A diferencia coa outra vez é que desta vez Marea Atlántica propón que non podan ir as bicicletas por aí, xa que para iso teñen eses carrís bici que está a xente tola de leda con eles. Está a xente que non sabe porque non se fai unha etapa da volta ciclista neles. Está a xente que non sabe como non veu Lance Armstrong a inauguralo; Lance Armstrong, que é o ciclista este que chegou á lúa pedaleando e que toca a trompeta.
Así que teríamos o Carril bus, o carril bici, e faltaríanos o carril patinete, que eu nunca fun nun carril patinete, que é un carril Transformer, porque o patinete ten unha crise de identidade, que o mesmo se cree peón pola beirarrúa que cando vén xente... pun! baixa á estrada coma se fose un coche e que cando se atopa cun semáforo en vermello... pun! transfórmase nun ser peonil para ir polo paso de cebra e... pun! atropelo que te criou.
En resumo, que se preparen porque á minima, pun! carril bici, pun! hombreiras, e pun! eleccións.