O coidado do medioambiente podería traer ao Papa á Costa da Morte en 2021
O grupo camariñan, liderado pola alcaldesa Sandra Insua e no que tamén se encontraban representantes dos pescadores e mariscadoras , mantivo unha reunión co arcebispo de Santiago o pasado venres na que lle trasladaron esta curiosa petición.
Trátase dunha idea de Xosé Manuel Barros, de Mar de Fábula, que leva preparándose xa máis de dous anos. A invitación sería para o 2021, ano no que se espera que o Papa Francisco visite Santiago de Compostela co motivo do ano xacobeo.
De aceptala, participaría nun acto simbólico de defensa do mar, coma un voluntario máis, nunha das limpezas da ribeira que todos os anos organiza Mar de Fábula en colaboración coa agrupación de mariscadoras de Camariñas.Esta acción, proxectada a nivel mundial, creen dende a asociación ecoloxista, que mobilizaría conciencias en todo o planeta independentemente de razas, condicións ou crencias.
O arcebispo de Santiago manifestou a súa vontade de facer todo o que estivera na súa man para que se leve adiante este acto simbólico en defensa do mar. Semella ser o mellor momento posible para unha idea como esta, xa que o mesmo Papa vén de destacar a importancia de coidar o planeta, falando incluso de crear un novo pecado con relación ao tema.