O Coronavirus cóbrase a súa primeira vítima na Costa da Morte
Quince días despois de que se coñecese o primeiro caso positivo na bisbarra, o covid 19 cobrouse a súa primeira vítima. Trátase dun veciño de Fisterra de 84 anos que se atopaba ingresado no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, e que falecía na mañá deste mércores.
Quedan agora, según as últimas cifras oficiais, sete internados no hospital ceense, que se xuntan aos dous veciños da bisbarra que puidemos confirmar que están no CHUAC, un na UCI e outro na planta.
Unha cifra que se pode ver incrementada nos vindeiros días debido ao inicio da campaña de detección do virus no automóvil que vén de arrincar no aparcadoiro do Hospital Virxe da Xunqueira. Unhas probas que se lle realizarán ás persoas que teñan prescripción facultativa e cita previa. O novo sistema, coordinado e priorizado polo servizo de Medicina Preventiva dos hospitais, permite axilizar tempos xa que posibilitan que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos equipos de protección individual (EPI) xa que mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI, os profesionais van utilizar un só equipo por quenda de traballo, sen necesidade de cambiarse con cada paciente.
O dato positivo da xornada é que de martes a mércores o número de contaxiados na área sanitaria da Coruña e Costa da Morte, só se incrementou en 30 casos. Mentres que a diferenza entre martes e luns fóra de 123 positivos.