A morte dun carnotán eleva a seis os falecidos polo coronavirus
A vítima estaba ingresada no Hospital da Costa da Morte
A Costa da Morte rexistrou nas últimas horas a sexta vítima producida pola pandemia do coronavirus. Trátase dun varón, veciño do concello de Carnota, de 86 anos e que faleceu no Hospital da Costa da Morte. O finado residía no lugar de Parada, no concello carnotán.
A nova luctuosa é o peor dato dunha xornada na que os ingresados en planta no hospital comarcal estabilizáronse en 13. Nas últimas horas déronse dúas altas, inda que tamén tiveron lugar outros tantos ingresos. A boa nova é que por segundo día consecutivo non foi preciso trasladar a ningún doente á UCI do CHUAC coruñés.
De todos os xeitos as autoridades advirten da necesidade de extremar as precaucións, xa que durante o arranque deste mes de abril é cando se espera que o virus poida ter maior incidencia no territorio galego. Por iso é necesario manter o confinamento no fogar e continuar coas medidas preventivas, tanto de hixiene como de distanciamento, cando se precise acudir a establecementos de venta ao público.